O educador canino Octavio Villazala será o pregoeiro da Feira do Grelo de Xestoso

O educador canino Octavio Villazala será o pregoeiro da Feira do Grelo de Xestoso
A Feira do Grelo de Val Xestoso celebrarase o vindeiro 4 de febreiro I JORGE MEIS

O inverno trae con el a tempada dun dos maiores manxares galegos, o grelo. Esta verdura está amparada en toda Galicia por unha Indicación Xeográfica Protexida e os do Val Xestoso, en Monfero, son uns dos máis aprezados. Contan coa súa propia festa gastronómica, que este ano chega á súa vixésimo terceira edición. Celebrarase o 4 de febreiro no campo da festa do Canedo.


O pregoeiro nesta ocasión será o educador e adestrador canino Octavio Villazala, unha persoa vencellada coa zona desde hai anos e que é coñecida pola súa colaboración habitual en medios de comunicación galegos.


A actividade comezará ás dez da mañá, coa benvida aos asistentes e o lanzamento de bombas de palenque. Ao tempo abrirá a exposición de maquinaria agrícola e de artesanía.


Media hora despois comezará a exposición e venda das madas de grelos e doutros produtos do campo, que estará amenizada polo grupo folclórico Virxe da Cela. Dará paso, ás doce do mediodía, ao concurso, que premiará os mellores lotes e tamén a cesta máis e mellor adornada. 


O pregón de Villazala pronunciarase á unha da tarde e despois comezará a degustación gastronómica, cun xantar apropiado para a ocasión que inclúe sopa de cocido, o propio cocido cos seus aditamentos (grelos, garavanzos, patacas, costela, lacón, chourizo, fociño e orella), requeixo e mel de Monfero como sobremesa e bebida. O prezo das racións é de 20 euros por persoa.


A verbena contará coa música do Dúo Estrellas (irmáns Fanego) e coa disco móbil Supreme.


A feira do grelo está organizada pola sociedade cooperativa Val Xestoso e conta coa colaboración do Concello de Monfero e de Eventos Trastoy.

O educador canino Octavio Villazala será o pregoeiro da Feira do Grelo de Xestoso

Te puede interesar