Neda vive hoxe a Festa do Pan, que nesta ocasión chega á súa trixésimo terceira edición. Onte, na véspera, un cento de persoas puideron coñecer a Ruta dos Muíños do Belelle e desfrutar do festival musical Noite de Bolos.
Neste día grande, a celebración arrancará no paseo marítimo de Xuvia ás 10.00 horas coa apertura das panaderías participantes. Ao mesmo tempo inaugurarase o Mercado de Artesanía, con máis de 20 postos de diversos sectores.
Unha hora despois, Berros do Castro amenizará a contorna cun pasarrúas e ás 12.00 horas dará comezo o concurso de empanadas. Ás 13.00 horas terá lugar a lectura do pregón –a cargo da xogadora da Selección Española de Fútbol Sala Ale de Paz–.
Sobre as 13.30 horas actuarán Los Zares e ás 14.00 horas dará comezo o xantar popular –a 20 euros, a base de empanada, arroz, churrasco, bebida, doce café e pan de Neda–.
A música regresará ás 15.30 horas da man de Os Tabernícolas de Ferrol e sobre as 17.00 horas comezarán os obradoiros de elaboración de pan. Media hora despois, os máis pequenos poderán desfrutar do espectáculo “Rockeando coa Ramona pequena” e o broche de ouro da cita virá da man do concerto de De Vacas.