A Festa do Requeixo vén precedida dunha xornada de celebración, a deste sábado, con propostas para pequenos e maiores. O ExpoFest Mosteiro de Caaveiro celébrase hoxe sábado no mesmo recinto das Neves con animación infantil desde as cinco da tarde e festa da escuma a partir das seis.
A festa continuará a partir das oito cos concertos, que protagonizan Los Eternos (20.00 horas), Leria (21.30) e Lidia India (23.00).
A música rock da veterá banda cedeiresa súmase á proposta indie pop das integrantes de Leria, que gañaron o concurso Novos Valores que convoca o Festigal e ás influencias afroamericanas na voz de Lidia India, cantora e compositora de Ferrolterra.
Os tres forman un cartel de luxo para gozar da noite previa á Festa do Requeixo, unha das celebracións máis senlleiras das Neves e da comarca.
O ExpoFest está organizado polo Concello da Capela con patrocinio da Deputación da Coruña. Tamén estas dúas institucións van da man na Festa do Requeixo do domingo, neste caso coa colaboración da cooperativa Campo Capela, unha referencia do sector en Galicia que se encarga de elaborar o produto.
O requeixo é un queixo fresco para tomar só ou acompañando a alimentos doces ou salgados. É ideal para as sobremesas, indican en Campo Capela, porque facilita a dixestión e pode acompañarse de azúcar, mel e marmelos. Tamén se emprega no almorzo, con pan torrado.