Narón acudiu onte á presentación das actividades da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

Narón acudiu onte á presentación das actividades da Asociación de Entidades Locais  pola Lingua Galega
Foto de familia dos municipios participantes na entidade Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega | Cedida

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, desprazáronse onte xunto coa técnica de Normalización Lingüística do Concello, Adela Pita, ata Vilagarcía de Arousa para participar no acto de presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega


O organismo, que é xestionado a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos da Comunidade –das comarcas están presentes tamén o de Ferrol e o de Cedeira–, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego.


“Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade”, apuntou a vicepresidenta de Alingua, Leticia Santos, durante o acto de onte.


O lema elixido para a nova campaña é “É túa. Pásaa!” e figurará en grandes lonas e material promocional para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio á campaña.


No mes de maio estrearase unha webserie en formato Vlog baixo o título “O gran reto”, no que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días.


Dende a organización lembran que pode formar parte de Alingua calquera organismo que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega.


Así pois, as entidades locais que compartan dito obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias de Alingua. 

Narón acudiu onte á presentación das actividades da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

Te puede interesar