Ocio para os máis pequenos de Cedeira e máis conciliación para as familias neste Nadal

O Concello oferta un total de 60 prazas para este campamento
Ocio para os máis pequenos  de Cedeira e máis conciliación para as familias neste Nadal
O programa funcionará entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro | AEC

O goberno cedeirés recupera este Nadal o campamento “Concilia”, que busca ocupar con xogos e actividades as mañás dos máis pequenos do municipio, –nados entre o 2011 e o 2018– para facer compatible a vida familiar e laboral das familias namentres duren as vacacións. 


Desde o Concello explican que o programa funcionará nos días laborables entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro –ambos incluídos–, de 09.00 a 14.00 horas. Hai un total de 60 prazas dispoñibes e as solicitudes poden presentarse até o vindeiro día 14 do presente mes.


Dita proposta estará atendida por tres monitores que desenvolverán cos menores “moi diversas actividades”. Haberá, pois, inchables, karaoke, labirintos ou obradoiros con materiais de refugallo, entre outros.


Nas bases deste campamento –xa dispoñibles na web do Concello– establécese que cinco das 60 prazas están reservadas para nenos ou nenas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Á hora de anotarse, terán preferencia os pequenos empadronados en Cedeira e, a continuación, aqueles cuxos titores traballen no termo municipal. Así mesmo, tamén terán prioridade as unidades familiares nas que ambos proxenitores acrediten traballar polas mañás, “ou ben estar realizando un curso de formación na mesma franxa horaria”.


O executivo local lembra que tamén organizará xogos e actividades de lecer no polideportivo municipal durante as tardes do periodo de vacacións, así como dúas festas acuáticas na piscina da localidade. 

Ocio para os máis pequenos de Cedeira e máis conciliación para as familias neste Nadal

Te puede interesar