Ortigueira lembrará este mércores a Leandro Pita Romero, con motivo do 125 aniversario do seu nacemento. Con este motivo realizarase un acto na súa casa natal, no Cantón (no 23 da rúa Luciano Pita), ás 12.30 horas. Tamén se estreará unha placa feita a man pola ceramista fenesa Carmen Romero.
Leandro Pita Romero naceu en Ortigueira o 22 de novembro de 1898. Estudou Maxisterio e Dereito e exerceu como xornalista, ao tempo que se vinculou ás Irmandades da Fala e ao agrarismo. Na Coruña dirixiu o xornal El Orzán e tamén escribiu a novela “O anarquista”, que o Concello ortegano editou, en edición facsímil, hai poucos anos.
A comezos da década de 1930 incorporouse ao Partido Republicano Radical, de centro dereita, e converteuse no ministro máis novo da Segunda República, asumindo carteiras como a de Marina, para logo ser ministro de Estado, despois ministro plenipotenciario e logo primeiro embaixador ante a Santa Sede.
Co cambio de goberno volveu vivir á Coruña e a Guerra obrigouno a exiliarse a Portugal e despois a Arxentina, onde traballou como xornalista e como avogado ata a súa morte en 1985.