Máis dun cento de persoas secundaron o domingo na segunda edición de “Camiños das Letras”, a ruta teatralizada organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco xunto coa Asociación de Veciños de Limodre para celebrar as Letras Galegas.
Divididos en catros grupos, e con saídas escalonadas, os participantes gozaron dun itinerario que tivo como principal reclamo o Pazo do Piñeiro, logo de varios meses de xestión por parte da Agrupación cos seus propietarios para a súa apertura.
Para a entidade constitúe, de feito, “un logro histórico, logo de moitos anos de traballo. É a primeira vez que a nosa entidade consegue desenvolver unha proposta cultural neste emblemático espazo”, destacan desde o colectivo. A camiñata, de oito kilómetros de percorrido, atravesou Caamouco e Limodre, chegando ata o muíño das mareas de Río Castro, en Cabanas.
O percorrido, circular, estivo ademais animado polos actores e actrices do grupo da Agrupación, Tenencia Teatro, dirixido por Eugenia Sanmartín, que sorprenderon ao público con escenas teatrais en diferentes puntos do camiño con valor patrimonial, paisaxístico ou simbólico, como a Horta de Quinín, o Porto de Redes, Almieiras, Río Castro e as sedes das dúas entidades organizadoras.
Tamén contou a proposta coa colaboración musical do grupo Airiños de Fene, do grupo de pandereteiras da Agrupación Instrutiva de Caamouco, a cantante Amparo Arias, o gaiteiro Manolo Doval, o zanfonista Emilio Mesias e Roger de Flor.
Así mesmo, a pintora Dolores González, mestra na Agrupación, inmortalizou esta xornada nun lenzo ao óleo que pintou durante as representacións no propio xardín do pazo.