A Universidade de Compostela, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, a Xunta de Galicia (Imelga), xunto co antropólogo forense Fernando Serrulla, en colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática, iniciaron a procura, a través do equipo da Historia Agraria Política do Mundo Rural (Histagra) das foxas comúns nas que botaron a 51 persoas asasinadas logo da sublevación militar de 1936.
O pasado outubro iniciáronse os traballos coa sondaxe do xeorradar no cemiterio de O Val, en Narón. Así as cousas, e ante a previsión dunha posible exhumación, solicítase agora a colaboración de cantas persoas podan aportar datos, especialmente das familias afectadas, cuestión que se pode formalizar a través do correo electrónico da entidade: memoriahistoricademocratica@gmail.com.
Como ben se lembrará, no cemiterio valexo, o 26 de decembro de 1936, cúmprense hoxe 86 anos, foron fusilados 32 membros da dotación do acorazado “España”, así como outros dous do “Contramaestre Casado”. Así mesmo, o 30 de novembro dese ano foron asasinados dez tripulantes do vapor “Dómine”, e, en distintas datas, outras sete persoas máis, que se pretende localizar agora no cemiterio naronés.