“Os vellos non deben de namorarse” estrea o Circuíto Galego de Teatro Amador

Esta cita, que ofrece catro actuacións no concello de Pontedeume, comeza hoxe no IES Breamo
“Os vellos non deben de namorarse” estrea o Circuíto Galego de Teatro Amador
A peza escrita por Castelao vén da man da compañía Rebuldeira | Cedida

O escenario do IES Breamo de Pontedeume vivirá, dende esta tarde de sábado, unhas xornadas de intensa actividade dramática por ser unha das sedes do Circuíto Galego de Teatro Amador. Este encontro, con entrada de balde, ofrecerá un total de catro representacións, comezando pola adaptación dun clásico galego, “Os vellos non deben de namorarse”, a cargo da compañía lucense Rebuldeira.


Este texto que escribira Castelao en Nova York e que se estreou en Bos Aires en 1941 continúa vixente grazas ao interese de grupos como Rebuldeira Teatro, que veñen dende Sarria a inaugurar o evento hoxe, ás 19.00 horas. “Os vellos non deben de namorarse” está dirixido a todos os públicos, do mesmo xeito que o resto das propostas, a excepción da última, que é unha obra que estreará a compañía local DameCuerdaQueTeatro, para adultos.


Este colectivo colabora na organización da iniciativa, unha proposta que realiza a Federación Galega de Teatro Amador por máis dunha quincena de localidades galegas, xunto ao Concello, a Deputación e a Xunta.
“Sabemos que en Pontedeume hai paixón polo teatro”, expresou Alejandra Bellón, concelleira de Cultura, que sinalou a relevancia da compañía local para a dinamización municipal neste eido, sobre todo tras a disolución de Arjé, o grupo do IES Breamo.


Así, DameCuerdaQueTeatro tamén organiza anualmente o ciclo “Pontedeume en obras”, entre os meses de maio e xuño, coa oferta de catro representacións, igual que ocorre neste caso. Non obstante, estas funcións desenvólvense no CPR San José e para o Circuíto Galego de Teatro Amador escolleuse o instituto.


Estaba previsto que a convocatoria se desenvolvera os sábados, comezando polo pasado día 26 de outubro, aínda que, por “problemas técnicos da compañía, non podían vir actuar”, segundo indicou Bellón. No canto desta representación, incorporouse outra para este domingo.


“Hoxe en día, que temos tantos medios audiovisuais, tecnolóxicos, animacións con tantos efectos sonoros e visuais”, reflexionou a concelleira de Cultura, “volver ver ese teatro no que os actores están a medio metro dun, que é o vivo e o directo, sen trampa nin cartón, é unha oportunidade que non temos sempre ao alcance da nosa man”.

 

Programación


Todas as obras que ofrece o Circuíto Galego de Teatro Amador en Pontedeume representaranse ás 19.00 horas, no IES Breamo. Despois da inauguración do cartel esta tarde, este domingo será o turno da compañía Enxebre, unha asociación cultural do Grove. O colectivo, que neste 2024 cumpre 30 anos de traxectoria, propón a representación de “Tress”, unha peza que o grupo promociona como “a máis exitosa” do seu catálogo. O título fai referencia ao número de mulleres protagonistas que buscan sentido á vida.


Os espectadores interesados en asistir á seguinte obra, outro clásico da literatura, terán que agardar até o vindeiro sábado. Nesta ocasión, trátase de “Moito ruído e poucas noces”, unha creación de Shakespeare que virá da man da asociación cultural Teatro Carauta, pertencente á asociación veciñal do barrio compostelán de San Pedro. Este texto, que o dramaturgo inglés escribira arredor do ano 1600, ambientouse en Mesina, Sicilia, cando o territorio pertencía á coroa de Aragón.


A derradeira actuación será a dos eumeses DameCuerdaQueTeatro, que presentarán a súa peza “A besta da illa”. Precisamente onte, os máis achegados puideron deleitarse coa preestrea, que abrirán ao público xeral nesta ocasión, o sábado 16.

 

Organización


A Federación Galega de Teatro Amador –Fegatea– tamén é responsable doutras iniciativas, á marxe deste evento, tanto dentro como fóra da Comunidade. O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, Fegatea Móvete e Fegateatro completan as propostas que posibilitan actuacións en Galicia. Non obstante, a súa Plataforma Teatral Transfronteiriza –Platta– expándese, a maiores, a Portugal e Castela-León. Así mesmo, realizan formacións e xornadas nas que reflexionan sobre a Federación e o sector amador. 

“Os vellos non deben de namorarse” estrea o Circuíto Galego de Teatro Amador

Te puede interesar