Hai pouco mais dun ano e medio que a deportista do Remo Cedeira Candela Martínez Pernas debutaba coas cores da selección española. Daquela, a remeira da vila competía na que era a súa primera presenza na Copa da Xuventude, celebrada no campo de regatas austríaco de Linz-Ottensheim, conseguindo un cuarto lugar coa súa compañeira Nieves Silva no dobre scull. Martínez continuou o seu camiño ascendente e, na segunda participación neste trofeo internacional –celebrado o ano pasado en Castrelo de Miño, Ourense–, a do Remo Cedeira xa se subiu ao podio, voltando a casa cunha prata e un bronce –nesta ocasión con Paula Malagelada como “segunda de a bordo”–.
Agora, e dando un paso á fronte na súa carreira deportiva, Martínez toma a remuda da súa compañeira Raquel Rodríguez –actualmente nos Estados Unidos– e representará ao club cedeirés no próximo Campionato de Europa sub 19, que terá lugar en Brive-la Gaillarde, en Francia, os días 20 e 21 de maio.
“Supoñiamos esta convocatoria”, comentaba Martínez na mañá de onte, “mais agora que xa está confirmada, estou moi contenta”. A súa boa actuación na concentración celebrada en Semana Santa en Sevilla facía ser optimista sobre esta nova chamada da Federación Española. E así foi.
“A verdade é que era un obxectivo nesta tempada ir a este Europeo”, engadía a cedeiresa, “e estou contenta de podelo cumprir e ter superado as probas de Semana Santa”. Durante esta concentración, Martínez e o resto dos remeiros convocados fixeron fronte a “probas practicamente todos os días, series nas que tomaban tempos e ían poñendo as porcentaxes, medindo quen era o mellor individual e os botes”. Martínez superou con nota estes dous apartados, e agora formará equipo coa andaluza Lidia Florido Rodríguez. “Era a súa primeira concentración”, comenta a de Cedeira, “coñecina alí. Conxeniamos moi ben, lévome moi ben con ela e no bote tamén”.
Unha boa primera impresión que Martínez agarda que se reflicta “nun bo resultado no Europeo,ou polo menos intentalo”, o seu seguinte paso nunha tempada na que a local pelexará tamén por estar na concentración de verán da selección, esa que reparte as prazas para o Campionato do Mundo, para o que, primeiro, terá que destacar no Nacional que se disputará previamente.
Agora, Martínez tamén fará caso dos consellos do seu adestrador, Chema Hermida, que, unha vez coñecida a chamada por parte da Federación, díxolle que “fora a desfrutar e aprender”, comenta, “que aínda son xuvenil e que, obviamente indo a por todas, o pase ben, que é o meu primero Europeo”.
Unha cita continental que a cedeiresa vai saborear dun xeito moi especial, despois dunha tempada, a anterior, que foi “unha das máis duras, cun catarro atrás doutro, collendo o Covid e remando sen saber que o tiña... os resultados non saíron como esperaba e o traballo que facía non se reflectía”, recorda Martínez. “Mais nesta si”, engade con felicidade, “nótome moi ben e no que vai de tempada non podo poñer ningún pero. Agardo seguir así ata que acabe”, sentenza.