Unha carta enviada por 18 dos 40 clubs participantes na 1ª Federación expresando a súa disconformidade cos modelos de xestión propostos pola RFEF podería provocar un cisma que desembocase mesmo na volta ao sistema anterior. Semella unha opción remota, pero real.
Mudou o posicionamento do Racing ao respecto?
Non. O Racing está a favor dun modelo transparente e igualitario no seu cumprimento para todos os clubs que participan na competición. Mantémonos na mesma liña que nos levou hai uns anos a solicitar un control económico.
Cal é daquela o motivo real da polémica?
Creo que a competición é moi bonita e que se deu un paso na calidade dos equipos que participan, polo que esta categoría realmente reduce esa distancia que podía haber entre Segunda B e Segunda A, que é onde a maioría dos clubs quere chegar. Non lle vexo ningunha pega a esta competición. Problema económico? Para min hai dúas partes.
Cales son?
Unha, o custo da competición: arbitraxes, desprazamentos, licenzas... Creo que nestes gastos, a 1ª RFEF é unha liga completamente asumible. Nós temos que viaxar sete veces a Andalucía, pero se estiveramos en Segunda A estariamos encantados de facelo. Se non podemos sufragar eses desprazamentos, ao mellor é que non podemos estar nesta categoría. A partir de aí, que é o seguinte? O custo económico do equipo, que supón o 70, o 75 ou 80% do orzamento dos clubs. O primeiro que ten que controlar o gasto que pode facer no cadro de xogadores é o propio club: sabe o que ingresa, sabe os cartos que ten e sabe o que pode pagar polos xogadores. Eu aí súmome totalmente a que haxa un control: o ano pasado desapareceu un equipo por problemas de impagos, este houbo equipos que xa no segundo mes de competición estaban a retrasarse cos pagos... Que queremos? Que a Federación ou alguén nos pague a cuestión? Perfecto.
E nós xeramos esas cantidades que estamos pagando? Porque tampouco nos obriga ninguén a pagar esas cantidades e entramos nesa dinámica porque quixemos entrar, porque hai un salario mínimo totalmente asumible que non chega a 30.000 euros. A partir de aí, o que os clubes queiramos pagar tamén temos algo de culpa niso.
E os dereitos televisivos?
Que hai que vender a competición? Está ben, pero quen cha quita das mans? A miña pregunta é doada: a Segunda A, se non se venderan os dereitos de televisión acompañados da Primeira, tería o mesmo valor? Quen a mercaría? A Primeira, sen Madrid e Barcelona e algún máis que podes meter aí para que ninguén se sinta mal, tería o mesmo valor para o resto dos equipos? Esa é a realidade que temos que ver. Se a Segunda A non se mercaría polas cantidades que estamos vendo se non fora unida a Primeira, como vendemos nós a nosa competición coas cantidades que todos desexamos? Hai que vender, si, pero quen o merca? Que empresas invisten? A min gustaríame fichar a Messi e Cristiano, pero non podo. Hai uns mínimos que hai que cumprir. O Racing, e tamén outros clubs, estamos cumprindo sempre e con moito esforzo e traballo, e alguén ten que velar para que cumpra todo o mundo porque, se non, xogamos con condicións diferentes.
Son moitos?
O ano pasado foi lamentable en moitos lugares. De 40 equipos, 17 non cumprimentaron toda a documentación económica que lle pediu a Federación. Dezasete de corenta! Todos temos que asumir que hai equipos que teñen 20.000 persoas no campo e outros que xeran recursos... Pois algo farán para ter iso e hai que respectalo. Tampouco se pode pensar que Madrid e Barcelona vaian coa súa liga e o resto non lles produza nada. Os equipos máis potentes teñen que ser solidarios cos que non xeran tanto, pero de maneira e en cuestións razonables. E, a partir de aí, todo o mundo ten que cumprir e o único organismo que pode velar polo cumprimento é a Federación.
Que cre que vai pasar?
Penso que, con todos os problemas que pode haber, ten que implantarse un control económico e ten que aceptarse. A primeira vez que se nos presentou a proposta nun papel foi aprobada por unanimidade e quero pensar que a maioría dos clubs si está a favor dun control económico, transparente e igualitario para todo o mundo. l
A competición actual, aínda con carencias, é boa e bonita
Sería un atraso volver ao sistema anterior?
O sistema anterior tiña catro grupos, pero podían ser máis, mesmo por Comunidades, e sairía moito máis barato. Creo que a actual, aínda tendo carencias e cousas que mellorar por parte de todos, tanto da Federación como dos clubs, é boa e bonita. Se queremos volver atrás, non pode ser polos gastos dos desprazamentos e arbitraxes. Ao mellor en vez de 40 equipos tería que haber un de 20 cuxo potencial lles permitise tratar de chegar ao fútbol profesional, que é o obxectivo de case todo o mundo. Cando estaba no Lugo, eramos un equipo sen grandes posibilidades no mercado, pero fixemos equipos e chegamos ao fútbol profesional. Creo que o deportivo non se pode limitar e que, se non podo pagar os desprazamentos e as arbitraxes, se cadra non podo estar nesta categoría, pero non por iso podemos botar para atrás unha competición que ten moitas cousas positivas.