Esta semana inaugurouse no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene a exposición “Olladas en ferro”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. A mostra está integrada por arredor dunha trintena de pezas elaboradas en distintos metais e con varios tipos de soldadura como son o electrodo, oxiacetilénica ou Mig.
A colección foi realizada en base a “observacións, reflexións, e ideas da vida que se me pasan pola cabeza e que mesturan humor, ironía e, como bon galego, moita retranca”, sinalou o artista naronés, aínda que afincado en San Sadurniño. Trátase de obras realizadas en ferro moldeado e soldado, utilizando elementos como tubos ou chapas, que vai combinando en ocasións con outros materiais.
O autor realiza esta clase de esculturas dende o ano 1992, unhas creacións coas que pretende “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis comúns do que pensamos... e por iso nos fan gracia”, relata Manuel Ángel Méndez Bellón. Aínda así, as súas pezas non agochan a seriedade e compromiso que ten co seu traballo.
Esta é a terceira ocasión na que o artista expón no Museo do Humor, amais de realizar outras mostras individuais por múltiples municipios da comarca e tamén de fóra. Entre os seus méritos atópase o primeiro premio de escultura no XV Galería Burela, de Lugo, ou a adquisición que realizou a Deputación dunha das súas obras, no certame de artesanía Antonio Fraguas 2018.