A normativa “Campus sen fume”, que acaba de ser aprobada pola UDC e será implantada en primeiro lugar na área ferrolá, atinxe ao grupo heteroxéneo que constitúe a comunidade universitaria. Por este motivo, a súa vicerreitora, Ana Ares, destaca o proceso participativo que se levou a cabo antes de instaurar a iniciativa.
O Campus de Ferrol presenta unhas dimensións reducidas, en comparación a outros da UDC, que resultan óptimas para o desenvolvemento deste proceso. Así pois, Ana Ares concretou que se estableceu un grupo de traballo no que participaron representantes da totalidade dos colectivos afectados pola normativa, “desde PDI, profesorado, persoal de administración e servizos, conserxería, limpeza, alumnado...”.
Despois de dedicarse á redacción do propio contido, “puxemos en marcha un proceso participativo para aprobar esta norma”, indicou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. Polo tanto, previamente á implantación decidiuse realizar unha enquisa “á que responderon un elevado número de persoas e un 95 % estaban de acordo en ampliar estas zonas libres de fume”, continuou Ares, xa que “era importante saber a opinión de toda a comunidade universitaria”.
Esta norma, que “o que fai é, obviamente, prohibir fumar onde o di a lei, e recomenda non fumar no resto dos espazos do Campus”, segundo manifestou Ana Ares, foi o resultado de todo este proceso e, en última instancia, foi aprobada polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña.
Precisamente neste mes de decembro a UDC Saudable cumpriu dez anos, polo que o seu aniversario coincide coa inauguración da súa primeira guía de actuación, denominado o Plan de Vida Saudable e Benestar, no que se encadra a normativa do “Campus sen fume”.
Tal como lembrou Ares, este realízase en colaboración con 37 entidades da provincia especializadas en distintas disciplinas. Neste caso concreto, a iniciativa conta co apoio da Asociación Española Contra el Cáncer para o desenvolvemento de distintas accións formativas e informativas.
Ademais, a vicerreitora sinalou o importante apoio ao programa GreenCampus que supón a instauración desta norma, lembrando neste sentido que ”temos a bandeira verde como Campus que pon en marcha moitas iniciativas relacionadas cos ODS e a sostibilidade”.