A Consellería de Sanidade vén de nomear a María Fernanda López Crecente nova xerente da área sanitaria de Ferrol. Natural de Lugo, conta cunha ampla experiencia como directora de Procesos de Soporte na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, posto que viña ocupando na actualidade. Previamente, desempeñou as mesmas funcións na área sanitaria de Ferrol.
Ademais, foi subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde entre os anos 2009 e 2012.
María Fernanda López Crecente é médico con praza en propiedade como Facultativo Especialista – Médico Coordinador 061 con categoría de xefe de sala da Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias desde o ano 1995. Ademais de traballar como médico coordinador-xefe de sala en diferentes períodos, tamén foi directora de Coordinación e Coordinación Asistencial na Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia.
López Crecente substitúe á fronte da área sanitaria de Ferrol a Ángel Facio Villanueva, que pasa a ocupar a Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
No día de hoxe, a Consellería de Sanidade tamén nomeou a José Santiago Camba Bouzas novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Pola súa parte Ángel Facio, o xerente ata o de agora farase cargo da Área Sanitaria de Santiago de Compostela Barbanza. Substitúe no cargo a Eloína Núñez Masid.
Nado en Santiago de Compostela en 1965, Ángel Facio Villanueva é doutor e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un mestrado en Alta Dirección Sanitaria pola Universidade da Coruña, ademais de ser especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Desde 1999 é profesor asociado do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña.
Ata o de agora era o xerente da área sanitaria de Ferrol, posto que viña ocupando desde o ano 2012. Entre o ano 2009 e 2012 foi subdirector xeral de Planificación e Ordenación Asistencial na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
Con anterioridade, Ángel Facio desempeñou o posto de director de Procesos Médicos da área sanitaria de Ferrol (2005-2009).
Desde o ano 1999 e ata o ano 2005 ocupou diversos cargos no Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos de Ferrol, sendo subdirector Médico entre os anos 2004-2005; coordinador das Unidades de Calidade e de Investigación entre os anos 1999 e 2004; e xefe do servizo de Urxencias entre os anos 1996 e 1999.
Ángel Facio Villanueva iniciou a súa carreira profesional como médico interno residente de Medicina Familiar e Comunitaria na área sanitaria de Ferrol no período 1993-1995, ingresando en 1996 como médico de familia no Centro de Saúde de Narón.
Foi director de diversas teses doutorais e autor de diversas publicacións especializadas, tanto nacionais coma internacionais.
No día de hoxe a Consellería de Sanidade tamén nomeou a Fernanda López Crecente como xerente da área sanitaria de Ferrol, posto ocupado ata o de agora por Ángel Facio; e novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras a José Santiago Camba Bouzas.