As terapias ocupacionais do CHUF, no Consello Xeral dos colexios profesionais

O profesor Miguel A. Talavera é un dos intermediarios do colectivo ante Sanidade no tocante á saúde mental
As terapias ocupacionais do CHUF, no Consello Xeral dos colexios profesionais
Formar parte desta comisión de saúde mental permite estar en contacto directo co Ministerio de Saúde

O terapeuta ocupacional da Área Sanitaria de Ferrol e profesor da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, o doutor Miguel Ángel Talavera Valverde, participa a nivel nacional na comisión de saúde mental do Consello Xeral de Colexios de Terapeutas Ocupacionais, que agrupa ós colexios profesionais de cada comunidade autónoma de España, polo que é o máximo órgano de representación da terapia ocupacional a nivel profesional.


En España existen diferentes asociacións colexiadas como a Conferencia Nacional de Decanas e Decanos de Terapia Ocupacional; a Sociedade Científica de Terapia Ocupacional en España ou o mencionado Consello Xeral de Colexios de Terapeutas Ocupacionais. A primeira é universitaria, a segunda abrangue a promoción da disciplina e agrupa a universidade e profesionais da práctica e a terceira é unicamente de profesionais, como indican desde a Área Sanitaria.


O Consello Xeral de Colexios de Terapeutas Ocupacionais ten varias comisións, entre elas atópase a de saúde mental, da que este profesional da Área Sanitaria ferrolá forma parte dende o momento da súa creación. “Lembrar, na semana na que se celebra o día Mundial desta profesión, o valor que ten a terapia ocupacional para axudar as persoas a manter as súa actividade cotiá”, indican.

 

 

Ministerio de Sanidade
 

A comisión de saúde mental, por medio do consello, accede a negociar co Ministerio de Sanidade a posibilidade de contar con representación da terapia ocupacional á hora de confeccionar e elaborar documentos, estratexias ou lexislación entre outras cousas. Desde xuño deste ano, establécese este vínculo co Ministerio e noméase a un intermediario entre o consello e o Goberno, figura que asume este profesional da Área.


Ás reunións, xunto con outros representantes doutras organizacións, acode xunto á presidenta do consello, co fin de achegar a visión da disciplina de terapia ocupacional neste espazo. Ata o de agora, participaron da discusión no Plan de acción de saúde mental 2025-2027 e no Plan de acción para a prevención do suicidio 2025-2027 no que están a traballar.


As seguintes accións son participar activamente en reunións co comisionado para consolidar a presenza da terapia ocupacional nos plans. “A nosa participación, polo menos esperámolo, vai facilitar e axilizar o compromiso do Ministerio coa disciplina”, explica Miguel Ángel Talavera, e sobre todo, “vai repercutir, esperamos, na visión dunha disciplina dentro de todos os plans que desde o Ministerio se elaboren”, afirma o doutor.


Desde a Área Sanitaria lembran que a terapia ocupacional é unha disciplina que busca obter a mellor condición de saúde e de benestar na poboación, e instrumentaliza a súa intervención na ocupación do ser humano. 

 

Ademais, “canto maior sexa a identidade profesional dun colectivo, maior será a calidade de proceso de intervención ofrecido, de aí o valor deste tipo de investigacións”, apuntan.


A terapia ocupacional na atención hospitalaria e no ámbito comunitario intervén por medio dun traballo grupal ou individual, virtual ou presencial e facilita que as persoas poidan manter a súa actividade cotiá e acadar unha mellor condición de saúde e sensación de benestar. 


Na Área Sanitaria de Ferrol traballan un total seis terapeutas ocupacionais, dous no Servizo de Saúde de Mental, outros dous no de Medicina Física e Rehabilitación, unha en Atención temperá e outra na Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps). 

As terapias ocupacionais do CHUF, no Consello Xeral dos colexios profesionais

Te puede interesar