Brais González: “O mellor de pór música ao cine mudo prodúcese cando o público rompe a rir”

Caspervek ofrecerá o 9 de febreiro no Jofre un cine-concerto sobre "Seven Chances"
Brais González: “O mellor de pór música ao cine mudo prodúcese cando o público rompe a rir”
Os integrantes de Caspervek que actuarán o 9 de febreiro en Ferrol I Cedida

O día 27 cumpre Caspervek, o grupo vigués que pon música ás películas de cine mudo, dez anos e pouco despois, o 9 de febreiro, actuará no Jofre de Ferrol durante a proxección de “Seven Chances”, de Buster Keaton. O seu fundador, Brais González (Vigo, 1987), lembra que será a actuación número 305.

 

Como xorde Caspervek?
Comezou como comezan moitas das cousas boas da vida, dun xeito fortuíto. Eu fun sempre un grande amante do cinema, foi a miña segunda paixón despois da música, pero nunca me plantexei nada semellante a isto, sobre todo por ter moitísimas dúbidas da súa viabilidade. Xurdiu no, por desgraza, xa clausurado Bar Hipólito, punto de reunión de moitos intelectuais e artistas de Vigo, sobre todo nos 90 e 2000, cando me propuxeron poñerlle música a unha peli, “Nosferatu”, do xeito que normalmente se fai: unha velada de piano con cine. Aceptei, pero a verdade é que non me apetecía nada facelo só, así que llo comentei a un amigo percusionista, Blas Castañer. Vimos a peli unhas cantas veces e alí fomos case a improvisar. O concerto foi moi ben, pedíronnos outra para o mes seguinte e comentámosllo ao que era compañeiro de piso de Blas, Eduards Vecbastiks. Fixemos “O gabinete do Doutor Caligari”, funcionou ben e a partir de aí Caspervek foi andando soa. Nese primeiro ano fixemos preto de 30, o seguinte 50 e logo saíu a primeira xira por Europa... Ata chegar ata aquí. O de Ferrol vai ser o número 305. O que eu pensaba que era unha idea tola que non ía ter viabilidade ningunha si que a tivo.

 

Ou sexa, que mantiveron unha actividade constante ao longo destes anos...
Si, máis ou menos constante. É certo que, ao final, os proxectos, cando duran no tempo, atravesan fases distintas. No noso caso tamén houbo que lidiar co que supuña que un proxecto que comezamos por amizade, esa idea máis romántica e bohemia dun grupo de amigos, fose virando cara ao profesionalismo. Tivemos que tomar decisións como empezar a incluír outras persoas ata conformar o que é hoxe Caspervek: a Ferrol imos ir como quinteto, pero agora mesmo somos un colectivo de músicos bastante amplo que, dependendo da película que se fai e do espazo adáptase, vai mudando.

 

Ademais do pianista, vostede é o compositor das músicas. Como afronta este proceso?
É un proceso laborioso. Sempre trato de atender unha premisa, que é que a música poida servir como un fío, como un nexo condutor entre o espectador e o que se está a contar. O primeiro é tratar de atopar un marco estilístico axeitado a cada peli porque o noso catálogo é moi amplo e toca todos os xéneros. Neste caso, a Ferrol imos cunha comedia de Buster Keaton, pero traballamos moito co expresionismo alemán, co cinema soviético, co americano de aventuras ou co escandinavo. E logo tes que saber que ferramentas compositivas poden axudar ao espectador a entender a peli porque, se ben as de Keaton son películas fáciles de seguir, noutro tipo de cinema o propio tipo de narrativa, que xa comeza a quedar moi afastado dos cánones que temos hoxe en día, plantexa retos para o espectador. Por exemplo, nas pelis de Keaton a música serve para enfatizar o “gag”, música que transita por paisaxes sonoras un pouco arquetípicas da época, e tiramos moito do swing, do jazz clásico e ás veces dun toque de folk americano, pero sobre todo é unha música moi sincrónica co que está a suceder na pantalla. Noutras pelis, como as soviéticas ou as alemanas, traballo coa técnica do “leitmotiv”, é dicir, cada personaxe ten unha melodía moi simple e moi característica que o acompaña ao longo da película: é un xeito de vencellar ao espectador con eses personaxes e que non perda o fío. Cada xénero ten non só un estilo compositivo, senón unhas ferramentas de escrita musical. A partir de aí, hai que ver a peli un montón de veces, escaletándoa, tomando notas... Boto arredor de tres semanas por filme.

 

Cantas películas teñen musicado xa?
Son 32 longametraxes e preto de 50 curtas.

 

Facer xiras europeas con Caspervek xa é o máximo, non?
Si, a primeira, en 2015, foi un subidón brutal. Foi por estas datas e supúxonos a nós os tres estar un mes e pico nunha furgoneta por media Europa facendo concertos. Agora facémolo todos os anos no verán. É un orgullo poder levar o proxecto fóra de casa e tocar en grandes escenarios. Ao final, o cine é unha linguaxe universal e o bo deste proxecto é poder traballar con auténticas obras mestras do cinema e nunha linguaxe da que todo o mundo goza. Como músico, máis aló de Caspervek, teño sorte de poder actuar fóra e ver as reaccións do público, esa sensación tan incrible que é cando o público rompe a rir. E iso pasa tamén no pobo máis pequeno e frío de Letonia: en canto un ri, os demais contáxianse.

 

Tendo en conta o tempo que lle dedica a este traballo, quédanlle moitas ganas de ir ao cine?
Polo xeral, eu non son consumidor de cinema mudo con música porque se converteu no meu traballo e dedícolle moitas horas ao día, polo que non adoito ter moitas ganas de velo. Tamén, en parte, por non “contaminarme”. Cando comezo unha banda sonora nova trato de non ter referencias, de modo que as pelis mudas que consumo son así, a palo seco, sen música. O certo é que non me queda moito tempo porque non é só compoñer, senón ver cine, buscar novas películas... Moitas veces o que menos me apetece é ver pelis, aínda que sexan modernas. 

Brais González: “O mellor de pór música ao cine mudo prodúcese cando o público rompe a rir”

Te puede interesar