Non hai neno que non soñe algunha vez con ter un vehículo de bombeiros, un agasallo máis que recorrente nas cartas para as Súas Maxestades de Oriente ou Papá Noel. Por iso, a concelleira de Política Social, Rosa Martínez, acompañou este mércores ao xefe de Bombeiros de Ferrol, Enrique Suárez Díaz, e outros compañeiros do corpo, ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) para facer entrega dunha réplica de xoguete dos seus camións.
A iniciativa partiu dos propios funcionarios, “que non só pensaron na adquisición do camión, senón tamén no deseño dun vehículo de xoguete que reflicte o espírito do seu traballo, o seu compromiso coa comunidade e coa ilusión dos nenos”, indicaron desde o Concello.
Así, este camión non é só un xoguete, é un símbolo de esperanza e tamén un recordatorio de que, aínda en etapas difíciles, a vida pode ofrecer momentos de alegría e ilusión. “O obxectivo é que os nenos que están hospitalizados poidan xogar e divertirse con este camión, que conta incluso cun extintor”, aseverou o xefe de Bombeiros.
Unha vez alí, foron recibidos no corredor principal do Arquitecto Marcide por parte do equipo directivo da Área Sanitaria de Ferrol, que quixeron agradecer este detalle cos máis novos que pasan estadías en ingreso hospitalario e que, de seguro, darán boa conta do novo xoguete, co que algúns pequenos xa puideron xogar.
A xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; a directora de Enfermaría, Isabel Turnes Cordeiro, e a subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Estrella Lopez-Pardo Pardo, acompañaron ós bombeiros visitantes á aula hospitalaria onde deixaron o camión para que alí poidan xogar con el os nenos e nenas hospitalizados. Sumáronse a esta entrega varios profesionais dos andares de Pediatría.