Reivindicar o papel da muller na arte e visibilizar os numerosos atrancos que moitas veces sofren na súa carreira profesional, como sucede en moitos outros ámbitos, polo feito de ser muller, é un dos obxectivos do proxecto “Que din as rumorosas”, unha comedia de Maquinarias Teatro que vén de poñer en marcha, desde onte mesmo, unha campaña de micromecenado en Verkami para poder desenvolver a peza.
Nela, seis intérpretes navegan xuntas nun exótico cruceiro atemporal no que rescatarán da memoria, a través das súas interpretacións, a outras tantas artistas galegas “que navegaron antes que nós, abrindo novos camiños”, salientan, como foron María Balteira (soldadeira), A Bella Otero (cantante, bailarina, actriz e cortesá), Mercedes Mariño (cantante e actriz), Eugenia Osterberger (pianista, compositora, cantante e directora), Maruja Mallo (pintora) e Maruxa Villanueva (cantante e actriz).
Todas cobrarán voz nesta singular travesía da man das actrices Carmen Cotelo, Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín, Helga Méndez y Marián Rei así como a bailarina Caterina Barro, todas, agás a primeira, naturais da comarca. Destaparán así os seus segredos máis íntimos, as alegrías e sinsabores do crear, “para rir delas mesmas e, sobre todo da estrutura patriarcal do sistema artístico”, comenta Helga Méndez.
“Eu quería facer un traballo con todas estas mulleres, que son marabillosas”, engade a responsable de Maquinarias Teatro e directora deste proceso de creación colectiva. Andrés Pazo, no apartado de espazo sonoro e músicas, e Catu Martínez Vídeo, na parte audiovisual para a distribución do espectáculo, forman parte tamén do equipo deste
ilusionante proxecto.
Da dirección da peza, se todo sae ben e acadan o apoio suficiente para poder materializar esta producción escénica, encargarase a fenesa Paula Carballeira. O equipo atópase xa na actualidade inmerso no proceso de creación da dramaturxia, tarefa na que levan traballando varios meses. Nesta campaña de “crowdfunding” márcanse tres obxectivos; o primeiro, e máis importante, cífrase en 6.000 euros. “Se o conseguimos, iremos a polos outros dous para realizar melloras na produción do espectáculo”, comentan. O segundo establécese en 7.000 e o terceiro en 9.000 euros.
As achegas de todas as persoas que desexen apoiar este proxecto –a campaña estará activa durante corenta a través da dirección https://vkm.is/rumorosas– terán diferentes recompensas en función da contía das mesmas. Haberá convites para un pase especial, para a estrea, programa de man asinado polo equipo e mesmo unha serie de aulas creativas impartidas polas propias artistas embarcadas nesta aventura, que permitirán abordar cuestións como a xeración de contidos escritos con perspectiva de xénero; achegamento aos procesos de creación colectiva; un obradoiro sobre o corpo como instrumento ou sobre o clown, entre outros aspectos.
“Que din as rumorosas” será unha comedia, un cóctel de humor e amor na que as seis protagonistas, todas elas polifacéticas, interpretarán, cantarán e bailarán para falar da “arte como camiño inevitable”.
De acadar o obxectivo marcado na campaña de micromecenado, a idea é estrear a obra na primeira quincena de decembro, iniciando en outubro o ensaios xa baixo a dirección de Carballeira.