A ciencia é unha linguaxe universal, pero no eido dos materiais poliméricos a comunidade internacional falará tamén ferrolán nas vindeiras semanas grazas á iniciativa do Campus Industrial que, unha vez máis, sitúa á cidade naval no mapa científico.
Desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni), o arduo traballo feito por máis de 20 profesionais do grupo de Polímeros, o Proterm e o Grupo Integrado de Enxeñería agromará do 30 de setembro ao 3 de outubro, datas nas que terá lugar o Polymer Processing (PPS2024), o congreso anual da Polymer Processing Society que recala por primeira vez en España.
Tomarán parte 220 investigadores de 28 países dos cinco continentes, chegando a Ferrol desde lugares tan lonxanos como Nova Zelanda, Sudáfrica, Arxentina, Canadá ou Xapón. A europea é a comitiva máis ampla e, dentro desta, é rechamante un grupo duns 30 científicos que chegan da cidade alemana de Stuttgart.
“A temática do congreso son os materiais poliméricos, comunmente coñecidos como materiais plásticos, e haberá trece sesións nas que se abordarán distintas temáticas relacionadas con este sector”, explica a vicerreitora do Campus Industrial, Ana Ares, que exerce tamén como organizadora principal desta cita. Ela, precisamente, pertence ao Grupo de Polímeros, imparte algunhas das aulas relacionadas con estas materias e mantén varias liñas de investigación neste eido, polo que está especialmente orgullosa de que o Campus tivera sido elixido para acoller a boa parte dos maiores expertos do mundo neste campo.
Aínda que a denominación de “polímeros” pode ser descoñecida para gran parte da sociedade, outras palabras como “poliuretano”, “poliéster” ou “poliamida” forman parte do cotián. “Atópanse nunha gran gama de produtos que usamos na nosa vida diaria. Desde envases médicos ata compoñentes electrónicos ou embalaxes... Foron e son esenciais no noso desenvolvemento”, explica Ares, enumerando algunhas das temáticas nas que se afondará no congreso.
Expertos, investigadores e profesionais da industria —Víctor Casal e Zulima Martín serán relatores por Navantia e Airbus, por exemplo— discutirán os últimos avances na produción e uso destes materiais, con énfase nos novos métodos de fabricación que poderán mellorar a súa eficiencia. Outra das temáticas ten que ver coa “mala fama” que arrastran os polímeros debido ao seu impacto ambiental, posto que a comunidade científica anda na procura de novos plásticos biodegradables, bioplásticos ou biopolímeros procedentes de fontes naturais.
Ademais, “moitas das innovacións en polímeros melloran produtos que usamos a diario e permiten a creación de materiais máis seguros e con propiedades específicas”, lembra Ares, subliñando usos tan prometedores como na impresión 3D que a medicina emprega para facer próteses únicas para cada paciente, o téxtil intelixente, o adhesivo para a construción naval ou a materia para fabricar paneles solares, entre outros moitos.
“O que se vai discutir no congreso é de interese para a sociedade porque afonda en temas que afectan directamente ao benestar das persoas, ao coidado do medio ambiente e ao avance tecnolóxico. As conclusións poden xerar un impacto positivo tanto a nivel económico como social”, engade.
Ares está no comité organizador xunto a María José Abad, Jaime Martín, Jorge López e Anne Gosset, asumindo a coordinación dun congreso que pretende, ademais dos seus obxectivos científicos, deixar prendados de Ferrol a todos os participantes, empezando pola ubicación: a Facultade de Humanidades e Documentación, “un dos edificios máis emblemáticos do campus”.
A axenda propón excursións optativas a A Coruña e Santiago, pero o groso das actividades propostas son na comarca. O mércores 2 está previsto un percorrido por Herbeira e Santo André de Teixido, en Cedeira, mentres que as dúas primeiras xornadas tamén poden coñecer o castelo de San Felipe, Exponav, a ría nunha travesía a bordo da lancha ou o casco urbano nun paseo guiado.
O Campus Industrial é o principal colaborador da cita, pero non o único. O Concello de Ferrol, Airbus, Navantia, Exponav e o Vicerreitorado de Investigación da UDC completan a listaxe. Ademais, contan co patrocinio das empresas Netsch, Waters-TA Instruments, Tecnosa-Explore e Anton Paar, da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos e da revista científica “MDPI”.
O profesor José Antonio Covas, do Departamento de Enxeñería de Polímeros da Universidade do Minho, en Portugal, virá tamén ao congreso en Ferrol e precisa que para a cidade suporá unha grande proxección porque “algúns dos principais especialistas en polímeros discutirán temas con impacto na industria naval e outros relevantes para a rexión”, ademais da “divulgación internacional da actividade académica, científica e tecnolóxica que se fai no Campus Industrial, facilitando o intercambio e futuras colaboracións”.
Considera tamén que a institución universitaria fortalecerá así “as ligazóns coas empresas”. Subliña a cantidade de temáticas do programa, destacando de xeito especial as posibilidades destes materiais na impresión 3D, os compósitos e o procesamento dos biopolímeros, entre outros.
“Os polímeros en envases aumentaron o tempo de vida dos alimentos; nos medios de transporte, a súa eficacia; o seu uso permitiu producir de forma relativamente simple produtos complexos... E continúan a ser desafiados para aplicacións cada vez máis avanzadas, polo que é necesario optimizar as súas propiedades e garantir a sustentabilidade”, analiza Covas.
O día 30 haberá unha recepción no Museo da Construción Naval da Fundación Exponav, mentres que o martes día 1 estará o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o presidente da Polymer Processing Society, Sadhan Jana, xunto coa vicerreitora, abrindo a programación. Os relatorios e os plenarios dos expertos convivirán coa presentación de pósteres dos investigadores. Ao termo do congreso, o 3 e 4 de outubro, collerá a testemuña o FOAM@Iberia Meeting, da UDC en Ferrol.