A vila de Cedeira acolleu nas últimas horas a presentación do Clube de Saúde que promove a AECC no rural. O Auditorio acolleu o acto, que contou coa presenza do alcalde da vila, Pablo Diego Moreda; da representante do Consello Provincial da AECC e presidenta da delegación de Ferrol, Isabel Estevan; a xefa de Servizo do Centro de Saúde local, Ana Isabel Lorenzo; e Teresa Beceiro, a presidenta da Xunta Local da asociación.
O Clube de Saúde de Cedeira, ao igual que os de Melide e Vimianzo, é unha experiencia piloto impulsada pola AECC para proporcionar no medio rural todos os recursos para unha saúde integral. A participación no clube é gratuíta e actívase por derivación desde o médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da asociación, tanto para pacientes oncolóxicos como para os seus achegados. O clube reunirase no Centro de Saúde todos os xoves desde o 20 de xuño ata o 12 de decembro, en horario de 17.00 a 18.30 horas. Un equipo de profesionais especializados e voluntarios da AECC encargaranse de talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, manexo de emocións e outras actividades.