O centro de día de Menores que xestiona a Deputación da Coruña en Ferrol estrea novo parque infantil accesible e adaptado a pequenos de diferentes grupos de idades ata os seis anos. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou este martes a infraestrutura, acompañado das deputadas de Política Social, Mar García Vidal e Emprego, Rosa Ana García, así como da directora do centro, Mónica Pérez, que explicou os detalles das obras de renovación integral deste parque de xogos para dar servizo aos nenos e nenas que atende o centro.
Formoso sinalou que estas obras responden ao compromiso adquirido na súa última visita para renovar o parque e facelo accesible aos menores con algún tipo de discapacidade e sinalou que a nova infraestrutura “permite favorecer os procesos de inclusión no eido comunitario e educativo de nenos e nenas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade”.
As obras, que contaron cun orzamento de 105.986 euros, consistiron na demolición e retirada do pavimento e equipamento do anterior parque, que se atopaba cun alto grao de deterioro e impedía o seu uso. A actuación incluíu a renovación completa das instalacións e a creación de dúas zonas diferenciadas por idades dentro das mesmas: unha para cativos e cativas de 0 a 2 anos e outra de 3 a 6 anos. Ademais, tamén se instalaron novos xogos, adaptados a persoas con discapacidade e mellorouse a accesibilidade do recinto.
O novo equipamento está dotado de bambáns de diferentes idades, multixogos con tobogán e túnel, casiña de xogo, balancín, túnel, tobogán, paneis de lousa e actividades, teléfonos e saltadores. Fóra do ámbito do parque, actuouse tamén na zona axardinada, onde se instalou un trono e varios elementos que permiten novas formas de xogo, lectura ou celebracións infantís.
O centro conta cun equipo de trinta profesionais no ámbito social e educativo, que atenden a un máximo de 70 menores. Ademais da manutención e a intervención socioeducativa cos pequenos e as súas familias, cóntase tamén cun servizo propio de transporte financiado polo ente provincial para realizar os desprazamentos dos menores desde os distintos centros escolares.