A novena edición do Chanfaina Lab desenvolverase no concello de San Sadurniño durante tres días do mes de setembro con participantes de renome, que filmarán por equipos unha curta nos límites da localidade. Non obstante, unha das novidades é a oferta de varios obradoiros que se afastan destas datas centrais, que serán impartidos por profesionais do sector.
O proxecto, que está impulsado polo Concello, xa adoitaba propoñer talleres sobre distintos aspectos da creación audiovisual, aínda que este ano se convocan en datas diferentes, antes e despois do encontro audiovisual, que terá lugar dende o venres 6 até o domingo 8 de setembro. Así pois, o primeiro obradoiro celebrarase nos días 21 e 23 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas. Esta proposta estará a cargo do actor Kevin Lorenzo, que ofrecerá un curso de técnicas interpretativas de utilidade para os ámbitos do cine e o teatro.
A segunda formación virá da man do documentalista Domingo D. Docampo e se celebrará o 28 e 30 de agosto, entre as 9.30 e as 13.30 horas. Baixo o título de “Sobrevivir a unha filmación”, o profesional ocuparase de explicar a importancia que ten a produción e a planificación audiovisual. Estas fraccións do traballo resultan particularmente complexas cando se trata dun xénero coma o documental, no que é especialista o responsable deste taller.
Para rematar coa oferta dos tres obradoiros, o último desenvolverase unha vez pasado xa o Chanfaina, nos días 9 e 16 de novembro, en horario de 10.00 a 13.00. Nesta ocasión, as sesións estarán conducidas polo realizador Juan Lesta, que presenta o taller chamado “Despois da rodaxe, tesoira”, un encontro no que tratará as técnicas de montaxe consecutivas á gravación.
Os interesados en participar nalgún dos obradoiros que se ofertan deberán enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar aos teléfonos 616 332 919 ou 616 016 793. Por medio destas mesmas vías de contacto, poden anotarse aquelas persoas que desexen colaborar no Chanfaina Lab que terá lugar en setembro, xa sexa propoñendo historias, localizando escenarios, guiando aos equipos ou axundando na labor de produción das curtametraxes.
O encontro de setembro comezará o venres 6 coa recepción de participantes e a Eira de Cineastas na casa da cultura, onde o sábado 7, día de filmacións, terá lugar o ciclo Clásicos Chanfaina Lab. O domingo 8 despedirase a primeira parte do proxecto, xa que a segunda será a estrea das pezas en febreiro, coa mestura de cine e teatro na comedia “Sesión continua” do grupo Bucanero, escrita por Lino Braxe.