O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol renova a súa acreditación QH (Quality Healthcare) de Excelencia en Calidade Asistencial cunha estrela. Así o recoñecían esta mañá en Madrid, onde a supervisora aa Área Calidade, Silvia López Díaz-Robles, recollía a acreditación documental deste selo, que outorga o Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) tras analizar, comprobar e validar as evidencias achegadas relacionadas coa aplicación das normas de calidade no día a día.
A supervisora da Área de Calidade, Silvia López, destaca “o esforzo das e dos profesionais dos servizos certificados e a súa implicación coa xestión da calidade”.
A acreditación QH, segundo eles mesmos describen, “é un recoñecemento a aqueles centros que, preocupados pola mellora continua da calidade, teñen decidido xestionar os seus procesos de xeito adecuado, e asumir aquelas certificacións oficiais que así o avalan”. Os resultados foron de certificación "excelente", o que fai que o Comité Auditor renove a súa acreditación.
Este é un sistema que recoñece a Excelencia na Calidade Asistencial a organizacións sanitarias que “entenden a calidade como unha cultura de mellora continua”, de feito, “un dos requisitos é manter un sistema de calidade progresivo e continuo no tempo, así como obter e manter as certificacións necesarias para evidenciar as máximas garantías ós seus procesos”, indican desde o CHUF.
A acreditación QH naceu para satisfacer a necesidade de dispor dun sistema que integre os múltiples compoñentes da calidade. Para a creación deste sistema contouse coa colaboración da Asociación Española para a Calidade (AEC); da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), e dun panel de expertos de distintas comunidades autónomas no eido da calidade nos servizos de saúde. Para que unha organización poida obter esta acreditación QH tivo que superar un “esixente proceso de avaliación”.
O CHUF aportou a un comité auditor tódalas certificacións que ten outorgadas polos distintos estamentos e axencias acreditadoras recoñecidas oficialmente tanto a nivel nacional como internacional. Prioriza liñas de calidade asegurando que tódolos procesos sexan óptimos, e comprométese en obter as certificacións de calidade necesarias para dotar das máximas garantías os seus procesos.
QH, pola súa banda, certifica que os procesos e procedementos de calidade que se empregan no centro están debidamente avalados e recoñecidos oficialmente Así, a Área Sanitaria de Ferrol volve destacar no seu esforzo por imprimir calidade ós procesos asistenciais,indican.
Ao feito de ter sido pioneira en aplicar políticas de calidade tanto a nivel nacional como galego; e da alta participación dos profesionais en foros especializados neste ámbito, tamén fóra de Galicia, súmase agora este novo recoñecemento global. Traballar con sistemas de xestión de calidade Traballar cun sistema de xestión de calidade supón que os servizos recollen toda a información relativa ás súas tarefas, cunha análise continua das mesmas para manter as condicións desas acreditacións, con ferramentas de control sistemático e planificando moito máis as actividades.
Neste senso, lembrar a aposta que se ten feito nesta Área por traballar con criterios de calidade, e xa son nove os servizos certificados.
O CHUF conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, acadouno en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións certificouse no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; a Unidade de Formación Continuada, no ano 2017, tamén a primeira de Galicia en facelo; Hemodiálise no ano 2021; e, por último, o Laboratorio de Anatomía Patolóxica, no ano 2022. Ademais, foise evolucionando, adaptándose ás distintas circunstancias acaecidas ao longo dos anos, como o paso da norma ISO 9002:1994 á normativa ISO 9001:2000; ou a adaptación de toda a sistemática de calidade establecida, á estrutura derivada da creación da Área Sanitaria de Ferrol; a adaptación á ISO 9001:2008; ou, por último, a adaptación recente á ISO 9001:2015.
Ademais, implantouse en Hemodiálise a norma UNE 179003:2013 de xestión de riscos para a seguridade do paciente, acadando dese xeito a certificación por ámbalas dúas normas. O Sistema de Xestión de Calidade é un sistema vivo, que evoluciona en función das necesidades e circunstancias asistenciais da propia área.
Outro dos factores engadidos que consideraron para esta renovación QH foi tamén a certificación de calidade por diferentes organismos a departamentos da Área ferrolá, como no ámbito respiratorio pola Separ (Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica); no ámbito da xestión e da seguridade da información; ou á Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal, primeira unidade de Galicia en se certificar e, ademais, co maior grao de excelencia, apuntan desde el Área Sanitaria ferrolana.