A Cociña Económica de Ferrol, na rúa Rubalcava, atende a unha media de 110 persoas ao día. O seu presidente, Antonio Tostado, informou onte, durante unha visita da delegada autonómica, Martina Aneiros, de que o número de usuarios atendidos vense incrementando desde 2017. Subliñou ademais que houbo tamén un impacto importante debido aos refuxiados da guerra ucraína, cando se chegou a prestar servizo a 40 persoas, principalmente mulleres e nenos.
Aneiros acudiu ás instalacións para explicar as subvencións que a Xunta de Galicia concedeu a entidades sociais para o funcionamento básico de centros de inclusión e de emerxencia social da Comunidade, incluíndo tamén programas de acceso ao mercado laboral. Na comarca repartíronse ao abeiro desta axuda un total de 173.743 euros. A Cociña Económica recibe 50.000.
Tamén se outorgan fondos a Cáritas. Neste caso son 90.813 euros e abranguen as localidades de Ferrol, Narón, A Coruña e Vilalba. A Fundación do Santo Hospital de Caridade, que xestiona o albergue Pardo de Atín, recibe 20.850 euros para continuar ofrecendo unha cama e o almorzo ás persoas sen teito. Cóntanse ademais 12.080 euros para o Patronato Concepción Arenal.
As intervencións subvencionables abranguen desde o pasado 1 de xullo ata o 31 de abril. l