A Casa do Concello acolleu onte a entrega dos recoñecementos pola edición número 34 do Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Por unanimidade, o premio foi para Malena Castiñeira Franesqui, de Oleiros, mentres que Jamily Fentanes Barrozo, que veu dende A Pastoriza, en Lugo, recibiu un accésit.
“Caramelos de café” é a obra premiada deste ano, que segundo a súa autora, trata sobre unha avoa á que van visitar a filla e os netos. Estes fanlle preguntas sobre a vida e o paso do tempo, á vez que a anciá vai lembrando aspectos da súa vida pasada.
Aínda que se encadra na ficción, Malena Castiñeira inspirouse na realidade que viviu coa súa avoa, mais os diálogos foron inventados. O xurado valorou trazos como o uso da lingua, a organización do relato e o vínculo entre os personaxes. Así mesmo, destaca a madurez coa que a autora trata temas complexos como a morte.
A escritora novel, de 16 anos, acudiu cos seus pais para a entrega do premio, dotado con 600 euros, sen saber se o conseguiría ou recibiría ela o accésit. O primeiro conto completo da autora será publicado en 2026 xunto ás pezas premiadas e accésits de entre o 2021 e 2025.
Os mestres da gañadora do certame, que xa participara noutro do seu Concello, foron quen a animaron a apuntarse neste proxecto, que ten o fin de estimular a creación literaria entre a mocidade.
A obra “Benvida, Mía”, de Jamily Fentanes Barrozo, da Pastoriza, en Lugo, tiña as condicións para obter un recoñecemento aparte. Os xuíces destacaron aspectos como a definición dos personaxes, a claridade no desenvolvemento dos feitos e a curiosidade que deixa no lector.