O Museo do Humor Xaquín Marín convocou o concurso número 28 dos Curuxa do Humor, que acordou outorgar os recoñecementos nas distintas categorías a Adrián Dopico López, a Lucas Sixto Carballeira e a Iván Mata Tamayo.
O primeiro dos nomes levou o premio Curuxa, para maiores de 25 anos, o segundo conseguiu o Curuxa Nova pola categoría de 16 a 25 anos e o último, o premio da categoría Caricatura, para maiores de 16.
Ademais, recibiron mención de honra no certame Ricardo Olivera Almozara, Manuel Arriaga de León, Eduardo Pérez Baamonde e Roberto Marcelo Bianchi.
O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón” (gañador do premio Curuxa 2023), Lucía Rodríguez Cid (gañadora do premio Curuxa Nova 2023) e Iván Mouronte Barreiro (gañador do premio Curuxa Caricatura 2023).
Coas obras farase unha exposición que albergará o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, que ademais habilitará, coma entidade organizadora, unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición.