Xaquín Marín recibiu onte a homenaxe aos sesenta anos de traxectoria como debuxante e humorista gráfico nun acto que se desenvolveu no teatro Jofre e que estivo organizado por Galiza Cultura, a federación que aglutina máis de trinta asociacións culturais de todo o país.
Foi unha homenaxe sentida, conducida por Quico Cadaval e na que interviron algúns dos seus compañeiros de profesión como Pepe Barro e Siro, ademais da directora desa institución que Marín axudou a levantar, o Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos, e da pedagoga Pilar Sampedro.
O presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, lembrou que este acto, este “agasallo” polo “seu humor feito a man”, dará paso a unha exposición retrospectiva da súa traxectoria. Carril asumiu as verbas de Félix Caballero na súa tese de doutoramento cando o definiu como o humorista galego máis relevante despois de Castelao. “É un dos debuxantes galegos máis relevantes desde a mal chamada Guerra Civil e, sen dúbida, o máis innovador, creador dun estilo tan persoal como galego, arraigado na tradición artística de Galiza”. Pódese, engadiu, “construír unha obra orixinal e universal sen renunciar a que siga sendo galega”, até o punto, subliñou, de erixirse como “un dos máis fieis cronistas da Galiza do seu tempo”.
Este tributo apenas uns días antes de cumprir os 80 anos e xa coas seis décadas cumpridas de traxectoria profesional era, ante todo, un agasallo e cun presente rematou o acto, o que lle ofreceron os seus compañeiros de profesión. Recibiuno Marín emocionado, poñendo o ramo a unha homenaxe na que tamén interviu para lembrar algunhas das anécdotas vividas ao longo de todo este tempo. Agradeceu, por suposto, o interese, o compromiso e o agarimo de todos os presentes, rendidos ante a “bonhomía” e a “xenerosidade” dun home fiel aos seus principios, uns principios que, como dixo na entrevista da véspera, “non sei moi ben cales son, pero son os meus”.