Co título de “Trazos de Xapón. Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita”, o Concello de Neda, en colaboración coa UDC, presentaron onte o encontro que reunirá esta semana aos mellores especialistas e tradutores da literatura nipoa do noso país. Entre as actividades propostas pola organización, que se enmarca nas veteranas Xornadas Literarias, haberá conferencias e obradoiros.
O día Internacional do Libro celébrase en Neda coas Xornadas Literarias, que este ano cumpren a súa edición número 19 e se conmemoran a partir deste xoves, nos días 25, 26 e 27, na Casa das Palmeiras. A proposta é de balde e xa ten a inscrición aberta na Biblioteca Municipal ou no teléfono 981 390 233.
Esta iniciativa, que ten o obxectivo de dar resposta ao éxito en occidente da literatura xaponesa, foi presentada na pasada mañá pola concelleira de Cultura, Marián Bello e a decana da Facultade de Humanidades, Manuela del Pilar Santos, que sinalou o compromiso de abrir o centro universitario ao resto da comarca. Así mesmo, no acto oficial colaborou a coordinadora cultural de Neda, Copi Villaamil.
A primeira xornada, que será este xoves ás 18.00 horas, estará protagonizada por Carlos Rubio López de la Llave. Trátase do autor da primeira historia da literatura do país do sol nacente en español. O profesional conta cunha traxectoria de arredor de 40 anos dedicados á divulgación da cultura xaponesa como tradutor, autor e conferenciante. A ponencia titúlase “Japón y sus claves de belleza en la literatura” e posteriormente, o experto participará no análise dunha obra de Yukio Mishima, “Confesiones de una máscara”, que el mesmo transcribiu ao español.
O venres haberá varios participantes, partindo de Carlos Ramos Fuentes, profesor de lingua e tradución literaria xaponesa, que inaugurará a xornada coa charla “O haiku como xénero literario”. A continuación, será a quenda de Gabriel Álvarez, que traduce manga e obras de grandes autores nipóns como Murakami ou Banana Yoshimoto, tanto ao galego como ao español.
Este especialista galego presentará o relatorio “Da literatura xaponesa ao manga: o oficio do tradutor editorial”. Para rematar o programa do día, proponse un cinefórum ao redor da película “Mishima. Una vida en cuatro etapas”, moderado polo xornalista fenés Nicolás Vidal. As tres citas consecutivas do venres está previsto que comecen tamén a partir das 18.00 horas. Para completar as Xornadas, o seguinte día do programa ofrece propostas de carácter máis práctico.
Ás 11.00 horas, haberá un “Obradoiro de introducción ao haiku”, a cargo de Carlos Ramos, e a partir das 18.00, un taller de “Aproximación á escritura xaponesa”, que imparte Esther Rivera, da Aula Japón Shizuku.
Para o público infantil, chega á biblioteca municipal o contacontos Pablísimo co seu espectáculo sobre rodas, “Cavicivai”, co que achega un “kamishibai”, que é un pequeno teatro de papel.