David Amor | “Creo que máis que un tipo de humor, o que hai é un tipo de contexto”

O humorista coprotagoniza con Josito Porto a comedia negra “Go Home” que chega este venres (20.30 horas) ao Jofre
David Amor | “Creo que máis que un tipo de humor, o que hai é un tipo de contexto”
David Amor e Josito Porto protagoniza “Go Home” | Emi Ramírez

David Amor –Salceda de Caselas, 1980– fala con franqueza, sen reviravoltas e cun nulo interese por edulcorar as respostas; unha persoa directa que non foxe da discusión. Este venres presenta, xunto con Josito Porto, unha obra que fala sobre o turismo, pero escrita antes de que termos como xentrificación ou turistificación se puxesen de actualidade.

 

Para as persoas que non saiban que é “Go Home”, como llelo explicaría para que a visen?
Para quen lle guste o teatro é unha obra moi interesante; para alguén que se queira afeccionar ao teatro, é unha moi boa obra para empezar e quedará con ganas de máis; e en xeral é desas que cando saes de vela e te atopas con alguén, dislle “non che poido contar nada, pero tes que ir vela”. É un decálogo do que non debe facer un turista.

 

Un tema de actualidade... 
Si, e nada buscado. Hai que felicitar a Tito Asorey, que é o director, e a José Prieto, o dramaturgo, porque cando nos reunimos para escoller a temática era 2019, ou sexa, que o tema non era tan actual. De feito, escribimos a obra, veu a pandemia e paramos todo. Pensamos que quedaría desactualizada, pero non: volveu con máis forza que nunca. A peza é o resultado dunha inquedanza que tiñamos e que intuiamos que era moi social. O tempo deunos a razón.

 

Desde a pandemia nota que a xente quere saír máis ao teatro, a facer máis vida fóra?
Non son ningún experto, pero non o noto. Algúns compañeiros din que si, que hai algo máis de ganas de vivir e de saír, pero eu penso que a xente xa se olvidou. Olvidámonos moi pronto e, por desgraza, temos o exemplo de Valencia. Estábano advertindo e nas redes había moitos comentarios quitándolle importancia. O mesmo que pasou co covid.

 

Hai un humor galego?
Creo que non existe o humor galego; se enchemos teatros en Galicia é porque somos bos, hai unha xeración moi boa con mestres de primeiro nivel como Quico Cadaval ou Carlos Blanco, persoas polas que nos dedicamos ao que nos dedicamos, que foron os nosos padriños. Eu sei que a todos nos encanta sentirnos especiais e o exemplo telo en “Friends”, unha serie americana pensada para os habitantes de Nova York que triunfou en todo o mundo. O humor é unha emoción universal e eu penso que máis que un tipo de humor hai un tipo de contexto. E si creo que hai en Galicia unha xeración de humoristas fantásticos.

 

Debe ter límites o humor?
Vouche saír un entrevistado rabudo (ri). Creo que tedes que deixar de facer esa pregunta porque estades creando un caldo de cultivo tan malo... Non existen os límites do humor. Hai centos de espectáculos todos os días en España e non hai ningún problema porque a xente non é idiota. Pero, ao final, cada vez que entrevistades a un humorista preguntades polo mesmo e créase un caldo de cultivo que xera un debate sobre os límites cando non os hai. Vivimos nunha sociedade en que unha rapaza con 13 seguidores en Twitter, por facer un chiste de Carrero Blanco, quixérona levar ao cárcere, mentres hai xente ameazando de morte e de violación diariamente en redes e non pasa nada. Falar de límites do humor paréceme unha falta de respecto á profesión e coido que vós deberiades estar por riba diso porque o que fai a cultura é beneficioso para a sociedade, e con iso é co que nos temos que quedar. E logo hai unha cousa: co tempo, se algo é malo, o público xa o pon no seu lugar. 

David Amor | “Creo que máis que un tipo de humor, o que hai é un tipo de contexto”

Te puede interesar