David Miranda: “Neste disco non quería escribir desde a nostalxia, senón mirar cara adiante”

Ferror Records publica o terceiro disco de Devalo
David Miranda: “Neste disco non quería escribir desde a nostalxia, senón mirar cara adiante”
Miranda vive en Gales desde 2005 I Cedida

Xa está dispoñible para a súa compra “Azul vindeiro”, o terceiro traballo discográfico de Devalo, proxecto do coruñés David Miranda apadriñado desde o ano da pandemia polo selo local Ferror Records. Son dez temas que no musical afondan na agradable e rítmica mestura de sintetizadores e guitarras e, no literario, abalan entre a nostalxia e a esperanza nun futuro mellor, malia os sinais escuros que ofrece a actualidade.

 

A nivel musical, en que se diferencia este último LP de “Noites contadas” e de “Luz/Sombra”?
Para este disco traballei o son dun xeito diferente. Nos anteriores busquei sonoridades a través da superposición de capas de guitarra e sintetizadores. En “Azul vindeiro”, eses elementos seguen a estar presentes, mais dun xeito máis espido. En comparación cos dous discos anteriores, que son bastante escuros, tamén busquei que estas novas cancións soasen algo máis luminosas.

 

Fala de que desta volta deixou agromar o son, que non foi buscar un son concreto. Como definiría o resultado?
A miña idea era soar da maneira máis persoal posible, sen descartar as influencias, mais afastándome un pouco delas. De feito, mentres compuxen e gravei o disco evitei escoitar moita música. Nos discos anteriores fixen o contrario, empapeime moito de música para compoñelos. Aquel foi un proceso moi interesante, pero agora quería facer algo diferente. Agardo que o resultado así o reflicta.

 

No tocante ao literario/poético vólvese aprezar unha importante carga nostálxica, mais non pesimista). Cales son as referencias e influencias máis destacadas?
Coas letras tratei de facer o mesmo que coa música, non buscar referencias, pero si deixei que fosen saíndo de xeito natural. Seguramente a única que é evidente é o título “Cíclica historia universal da infamia”, que é dun dos meus poetas favoritos, Lois Pereiro. Mais non quería escribir desde a nostalxia, senón mirar xa máis alá diso, cara adiante, que é algo que se albiscaba un pouco tamén ao final do disco anterior, “Luz/Sombra”.

 

O disco mira ao futuro, desde o propio título, pero insiste en que non é un disco optimista: é máis pola situación xeral ou por un proceso interior?
Por ámbalas dúas cousas. O mundo estase a poñer cada vez máis horrible. E non é que antes fose ideal, mais desde hai un tempo parece que xa non somos capaces de pensar no futuro de maneira optimista ou esperanzada. É como se aquilo de “No Future” dos Sex Pistols fose agora a maneira xeralizada de estar no mundo. Porque, que é o que nos agarda? Outra crise económica, unha crise medioambiental, outra guerra xenocida, outra pandemia? E iso tamén nos afecta individualmente, psicoloxicamente, animicamente, na nosa capacidade para vivir dun xeito digno etc. Entón o que quería neste disco era recuperar a capacidade de ter esperanza, que precisamos volver ser capaces de pensar que podemos cambiar para mellor o mundo tan horrible no que estamos agora mesmo.

 

As letras están escritas en galego. É certo que nos últimos tempos a lingua vai gañando terreo no eido musical. Como o valora?
Si, vivimos nun gran momento para música en galego. Hai moitos grupos e artistas de todos os estilos que cantan en galego, e xente nova que está facendo cousas espectaculares, tanto a nivel de calidade musical como na recepción que estar a ter a súa música. Oxalá continúe e se expanda moito máis esta escena en galego.

 

Vive en Gales desde hai anos. Como chegou aí?
Cheguei a Gales en 2005, e só pensaba estar un ano, coller experiencia laboral e voltar a Galicia. Mais foron xurdindo oportunidades que desgraciadamente non atopei na miña terra, así que fun quedando… e pronto van facer 20 anos. Dou clase nunha pequena universidade do norte do país. Mais trato de voltar sempre que podo e de seguir conectado coa miña cultura e a miña xente. 

David Miranda: “Neste disco non quería escribir desde a nostalxia, senón mirar cara adiante”

Te puede interesar