Un total de 234 alumnos e alumnas, aproximadamente a metade dos que cursan bacharelato no instituto máis grande de Ferrol, o IES Concepción Arenal, participarán desde mañá luns até o venres 22 no “Desafío galego”, unha iniciativa que cumpre o seu terceiro ano e que fomenta o uso do galego no día a día. O alcance é progresivo: mañá, os inscritos terán que utilizar o galego entre si e nas redes sociais de cada un; o martes, tamén nas aulas e no instituto; o mércores súmase a familia e o 14 engádense as actividades extraescolares. Para o día 15 esténdese ás amizades fóra do eido escolar e a semana do 16 ao 22, todo o día en galego.
Este desafío é unha iniciativa que promove o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto e que xurdiu hai tres anos logo do aprendido nun programa de intercambio de experiencias con profesorado irlandés. “Intentamos”, explica un dos docentes impulsores, Marcos Abalde, “de lles propor algo un pouco máis orixinal do que habitualmente se fai, para conquerir máis participación e ter máis impacto entre o alumnado”.
A opción do reto foi a alternativa escollida. “É un xogo, o xogo de falar galego entre un alumnado que maioritariamente é castelanfalante. Dar o paso cara ao galego resúltalles un pouco difícil, pero faise máis doado se o facemos entre moitos”, sinala Abalde, que destaca a alta participación. “Hai a quen non lle interesa nin lle apetece ou ten prexuízos, tamén porque require un esforzo, unha tensión e ter unha conciencia. Aínda que o desafío poida parecer algo banal, falar galego dez días é un obxectivo grande”.
As vantaxes desta iniciativa son moitas, sinala Abalde. “A meta é que lle dean á lingua, que practiquen, e vailles axudar moito á competencia lingüística e á conciencia sociolingüística. De súpeto, estes rapaces e rapazas do centro de Ferrol se van converter en galegofalantes. E a ver como lles vai porque haberá casos en que a iniciativa sexa ben acollida e outros en que non. Xoguemos!”, comenta antes de subliñar que “a acollida en xeral é moi boa, é divertido e teñen algo aí dentro que os anima a probar”.
A madriña desta edición será Nuria Vilán, poeta e instagramer viguesa que estará no centro o mércores 13 de 10.30 a 12.10 para explicar como foi a súa experiencia. “É unha das novas voces da poesía galega que lle dá moita importancia á performance, á videocreación e ten moita presenza nas redes”, di Abalde, “polo que é unha persoa que pode conectar ben con eles”.
Vilán, máis coñecida como Nuria Vil, é, polo tanto, “un modelo, un referente moi positivo para o alumnado que, ademais, ao ter esa faceta artística –nós temos seis grupos do BAC de Artes– a súa experiencia resulta moi enriquecedora e transversal”. O reto conclúe o venres 22 cunha excursión a Ourense, onde o profesor Manuel Rei presentará o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal”.