Cedeira pechou na xornada do mércores coa agardado concerto de Tanxugueiras unhas festas de verán que gozaron dunha excepcional afluencia e nas que se respirou un ambiente moi positivo, marcado en boa parte pola volta á normalidade despois de dous anos con actos limitados pola pandemia. O alcalde da vila, Pablo Diego Moreda Gil, deu as grazas ao pobo polo seu comportamento e destacou que todas as actividades “desenvolvéronse sen incidencias, nun ambiente de ledicia”. Moreda expresou tamén a “satisfacción do goberno local pola volta das festas de verán coa animación de sempre” e destacou a alta afluencia que en especial se rexistrou nas noites dos fogos artificiais, o pasado día 15, e tamén no concerto das Tanxugueiras, “cando a Praza Roxa e as rúas da contorna estiveron ateigadas de xente da propia vila, veraneantes e visitantes chegados de todas partes”, dixo. Así mesmo, valorou tamén a boa acollida que tivo o Certame de Grupos Locais. “Estamos orgullosos e moi contentos porque moita xente puido descubrir a calidade destas formacións e recibimos moitísimos comentarios positivos”, subliñou. É unha cita, asegurou o rexedor local, que “chegou para quedar”. Moreda lembrou que “foi espectacular” a procesión do día 15, e lamentou que a meteoroloxía impedise a saída da procesión marítima do día 16, ao tempo que agradeceu a implicación da Confraría da Virxe do Mar en ámbolos dous actos.
O alcalde celebrou tamén o ambiente de ledicia co que se desenvolveu o mércores a xira ao monte de San Antón de Corveiro, unha festa moi especial polo seu carácter tradicional e local. Unicamente lamentou que houbera que suspender os concertos da noite do martes debido á tromba de auga que caeu. Para rematar, Moreda Gil expresou o agradecemento do goberno local a voluntarios de Protección Civil, tamén ás asociacións da localidade, aos equipos de limpeza e en xeral a todas as persoas “que contribuíron a que todo se desenvolvese correctamente”, dixo.
Aínda que as festas chegaron ao seu fin, o concello informa que “queda verán e actividades festivas na vila”. De feito, mañá sábado o parque de San Isidro acollerá, ás 19.30 horas, a actuación de Peter Punk e Brais das Hortas, dous artistas que adoitan conquistar ao público pequeno e tamén aos maiores cos seus espectáculos. Desta volta ofrecerán a función “Peter Punk e o neno imperdible”, que xira arredor do que lle pasa a un pallaso cando o seu ego supera o seu propio nariz.
Tamén nesta xornada pola tarde, o Concello disporá na zona da praia de Area Longa atraccións inchables acuáticas e terrestres e kayaks. As persoas que queiran empregalas só terán que inscribirse alí mesmo, entre as 16.30 e as 19.30 horas. O domingo, o Concello programou xogos con Laser Tag no parque de Floreal, que adoitan ter boa acollida.