As previsións meteorolóxicas para este xoves obrigan ao Concello de Neda a trasladar o espectáculo “Up2down” organizado para esta xornada, ao pavillón do IES Fernando Esquío, aínda que se mantén o seu comezo ás 20.00 horas.
Esta actividade inclúese no programa “Miúdo verán. Cultura en familia”, e nun inicio foi organizada para desenvolverse no Campo dos Subarreiros. Polo tipo de proposta escénica, que require traballar con cables de funambulismo, modifícase o emprazamento para o seu desenvolvemento de forma segura.
A peza que realiza o colectivo trasPediante, escrita por Arturo Cobas e protagonizada por Marta Alonso & Paula Quintas, combina humor, danza, circo contemporáneo e tamén poesía visual. Trátase dunha proposta que se enmarca no ciclo “Cultura no Camiño”, un proxecto deseñado pola Axencia Galega de Industrias Culturais –Agadic– que ten o obxectivo de favorecer a dinamización das localidades polas que discorren as distintas rutas de peregrinación xacobeas.