A biografía e obra de Florencio Delgado Gurriarán –Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks (California), 1987–, poeta comprometido coa esquerda galeguista, exiliado en México trala Guerra Civil e cunha obra que tende pontes culturais cos dous países resoou por toda Galicia no Día das Letras Galegas. En Ferrol, o acto central, que itinera por distintos espazos da zona rural, celebrouse á tarde na Xunta Veciñal de Doniños, cunha lectura da semblanza vital e poética do homenaxeado e as actuacións do Toxos e Froles, da Rondalla de Mulleres de Mandiá e de Xoán Padín. Pola mañá, neste mesmo lugar, desenvolvérase xa unha xincana literaria e a actuación de Ghazafelhos, co espectáculo “A máquina do tempo”.
A celebración, na cidade, estivo tamén no Jofre, cun concerto especial do alumnado do Conservatorio Xan Viaño.
No Centro Cívico de Canido segue aberta ata mañá xoves a exposición coas obras do Certame de Poesía e Imaxe e na segunda quincena de maio, na praza de Armas, verase a mostra sobre a revista Céltiga, punto de encontro da emigración galega.
No Concello de Narón os actos realizáronse na Praza da Lectura, onde houbo obradoiros e actividades baixo carpa toda a xornada. A cantante Silvia Penide, os espectáculos teatrais de Xarope Tulú e de Jara Ortiz, un obradoiro de pintura sobre cartón, a proposta poético-musical de Aldaolado ou o concerto das Efémeras foron algunhas das actividades.
No espazo, ademais, ubicáronse librarías da localidade e a biblioteca, nun encontro cos lectores no que participaron autores como Miguel Anxo Romero, Leandro Lamas ou Paula Merlán.
En Ortigueira, as panadarías repartiron bolsas de papel conmemorativas desta data, con información sobre Delgado Gurriarán, e tamén se entregaron, no Teatro da Beneficencia, os premios do II Concurso de Microrrelatos Arrós. Sofía Pérez Camba gañou na modalidade de 13 a 18 anos, con “Defensores da nosa lingua”, e Eloi Miranda Castañeda fíxoo na categoría de 7 a 12 anos co seu poema “O galego e eu”.
O Día das Letras Galegas é en Pontedeume unha data fixa para a entrega de premios do seu senlleiro concurso de contos para estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. A deste ano foi unha moi boa edición, segundo comentaban membros do xurado, tanto pola elevada participación como pola calidade das obras que se presentaron. De feito, déronse dous accésits, ademais do gañador. “Leves vagas de resignación” é o título do conto que mellor valorou un xurado composto polo escritor eumés Antonio Manuel Fraga; Esther Leira, de Normalización Lingüística; Brais Rey, profesor e actor de teatro; e Cristina Fraga, directora e actriz teatral. A súa autora é Rosalía Bernárdez Riopedre, unha estudante de 4º de ESO de Lugo que ten xa recoñecementos como o premio Minerva que outorga o Colexio Peleteiro ou o Trapero Pardo que concede o Concello de Lugo. Ademais, está incluída nunha antoloxía poética de poetas de menos de 21 anos publicada por Aira Edicións.
“No conto quería reflectir como ás veces temos uns obxectivos moi claros ou nos rebelamos contra algo pero pouco a pouco o tempo pasa e imos perdendo impulso. Foi a forma que tiven de expresar iso en historia”, explicaba onte Rosalía Bernárdez tras recoller o premio (dotado con 600 euros, ademais do trofeo). Escritora e tamén lectora, ten interese por todos os xéneros pero “unha das miñas escritoras favoritas en lingua galega é Berta Dávila”.
Os accésits foron parar a Marta Rodríguez González, da Coruña, con “O cocobelis”, e a Mencía Jorge Cabaleiro, de Vigo, que presentou o conto “Nubeiros na alma”.
O acto rematou cunha actuación do grupo folclórico Orballo, prevista na praza Real pero que finalmente, pola chuvia, tivo que levarse a cabo no baixo do Concello. Os contos galardoados neste certame, que vai pola súa trixésimo segunda edición, recóllense nun volume cada cinco anos.
Os actos continúan nos vindeiros días e hoxe mesmo hai varias citas. En Cerdido, no CEIP A Barqueira, La Guagua fará unha rerepresentación teatral para o alumnado de Primaria e un obradoiro de xogos para o de Infantil. Tamén se entregarán os premios do XXII Concurso de Contos Concello de Cerdido.
Nas Pontes, na Casa Dopeso, Sole Felloza, achega á veciñanza a obra de Florencio Delgado a través do espectáculo “Vendimando versos”. Será ás oito da tarde. Este mesmo espazo acollerá mañá xoves a función “Elba e Marcos e os xoguetes encantados”, da Compañía Duende Sico, ás seis.