Ferror Records prende candea en Canido cos Solpores e o San Xoán

Ferror Records prende candea en Canido cos Solpores e o San Xoán
Los Eternos inauguran o encontro, que coma sempre é gratuito | MARTÍN PRADA

A cuarta edición do ciclo Solpores, que organiza Ferror Records en colaboración co Concello e a asociación veciñal de Canido, faise realidade esta noite, a partir das 20.00 horas, con tres proxectos musicais. A festa seguirá a seguinte semana cunha sesión vermú e “tardeo” polo San Xoán, que dá continuidade á tradicional celebración no barrio ferrolán.


O grupo que abrirá este ano os Solpores en Canido, que abrangue cinco datas en total, son os cedeireses Los Eternos, que xa teñen entre mans un álbum que sairá ao remate do verán. Ás 21.00 horas será a quenda da banda local Feed The Pet, coa recente publicación do seu disco con Radix Records. A clausura realizarase por todo o alto ás 22.00 horas coa picada de Rapariga DJ, que conta cunha ampla traxectoria actuando nun gran número de festivais e salas.


Ademais do posto de bebida, para saciar a fame durante o solpor, a organización pon a disposición a comida mexicana de La Burroneta, elaborada por profesionais da comarca, que tamén participarán nas outras catro citas mensuais, “con un menú especial para cada uno de los días”, comunica Fernando Fernández, corresponsable de Ferror Records xunto a Sergio Sequeiro.


Os Solpores de Canido teñen o obxectivo de “dar a conocer lo más representativo de la vanguardia y de la escena tanto ferrolana como gallega”, segundo indica Fernández, que manifesta a súa satisfacción cos resultados obtidos até o momento, coma no último evento de Ferror Records, a Feira do Disco, ao que se achegaron arredor de 400 persoas.

 

San Xoán

Seguindo o costume de colaborar con entidades locais, nesta celebración contan co apoio da Fundaçom Artábria, que se encarga dos liscos e chourizos, así como da asociación Muíño do Vento. Trátase da primeira vez que Ferror Records organiza este festexo tradicional, que terá lugar a partir das 13.00 horas, co que se estende ao longo de todo o día a actividade no barrio de Canido.


Pola contra dos Solpores, a festa do San Xoán, que tamén será acollida no centro cívico, propón talento exclusivamente desta comarca, a cargo dos músicos Romalde & Sobrín, Óscar Fojo e Brixta, ademais das picadas da man de Marqués de Vilapodre e Suso Manchita.

Ferror Records prende candea en Canido cos Solpores e o San Xoán

Te puede interesar