As festas de Ferrol presentáronse este ano cun formato extenso no que as propostas se reparten ao longo de todo o mes. Tras a xornada de onte na que as citas tiveron localizacións máis particulares, en comparación ao resto de días, hoxe vólvese recuperar o escenario da praza de Armas para a presentación de cinco proxectos musicais de orixe local.
Os locais de ensaio municipais dan os seus froitos en proxectos como os que se presentarán hoxe, enmarcados no programa destas festas, a partir das 20.00 horas, no mesmo escenario no que mañá actuará o cantaor Israel Fernández e no que veñen desenvolvéndose concertos de renome como os últimos, de Abraham Mateo, Coti, Beret ou Fillas de Cassandra.
O nome de Ferrock delata cal é o xénero que ofrecerán os seus integrantes, que non chegan á quincena de idade, aínda que o seu repertorio bebe de grupos veteranos como Iron Maiden, Nirvana ou Ramones. Estas pequenas promesas xa son unha realidade despois da súa actuación do ano pasado na Feira da Cervexa Artesá e, ademais de ofrecer versións dalgúns clásicos, tamén compoñen temas propios.
Tanto coa idade como co estilo musical de nexo en común, o grupo de rock-metal Keepers actuará despois de facer historia co seu concerto do ano pasado no Resurrection Fest, encontro de referencia no metal, punk e hardcore en Galicia. O público especializado deste evento entregouse por completo a estes prodixios, que repetiron este ano sobre o escenario “Boulevard”.
La calle del 23, no cartel deste festival do talento local identificado coa roda vermella que abandeira o pobo xitano, repiten este ano no escenario da praza de Armas das festas de Ferrol, achegando o seu estilo único de flamenco fusión.
Por outra parte, a agrupación Badulaque, que ten as súas orixes no CPI A Xunqueira de San Valentín, vén de participar este ano no festival A Mocidade coa Lingua. A partir deste encontro, que cumpriu a súa XXXI edición, os artistas poden ofrecer o seu tema “Canto ao idioma galego” en plataformas dixitais. Antes de encadrar ao grupo nun estilo, unha das mellores formas de coñecer este proxecto é escoitando o seu característico son.
Ademais, un dos integrantes de Badulaque, o vocalista e guitarrista Xabier Fernández Martínez, foi o responsable do deseño dun cartel particular para este evento, que dentro do programa se equipara a outros máis consolidados como o Rock en Canido, que do mesmo xeito ofrece varios proxectos cun fío condutor.
En último lugar, tamén participará nesta velada a banda Bitter Cans. Caracterízase a si mesma como un grupo que crea en galego a partir de influencias tan diversas como o rock clásico, o indie, o blues ou a música portuguesa. Estes artistas xa pisaron distintos escenarios locais, destacando unha edición pasada nas Meninas de Canido.