O Festival Mar Aberto achega concertos ao castelo de San Felipe

As actuacións do cartel de Ferrol serán as de Pamela Rodríguez, _juno, María José Llergo e Lua de Santana
O Festival Mar Aberto achega concertos ao castelo de San Felipe
Martina Aneiros, Xosé M. Merelles, José M. Rey e Óscar Faraldo durante o acto de presentación no peirao | EMILIO CORTIZAS

A sala Curuxeiras acolleu na mañá do pasado mércores a presentación do Festival Mar Aberto, que ofrece actuacións musicais gratuítas por lugares de interese patrimonial. Os escenarios que se deron a coñecer na sesión, ademais de Ferrol, son Muxía e Ribeira.


“Mar aberto, concertos na fin da terra” realizará a súa última parada na cidade naval, os días 9 e 10 de agosto, con catro artistas que terán como marco a fortaleza de San Felipe. As propostas musicais virán da man, en primeiro lugar, de Pamela Rodríguez, cantante peruana que foi dobremente nominada aos Grammy e que presentará o seu último traballo “Meigas”.


Esta artista compartirá escenario, o venres 9 de agosto, co dúo _juno, que é como se identifica o último proxecto de Zahara e Martí Perarnau, que lanzan a súa creación de pop suave e intimista ao tempo que incorporan ritmos electrónicos.

 

María José Llergo, gañadora dun Goya o ano pasado, traerá a Ferrol un traballo rompedor no que fusiona flamenco, electrónica, afrobeat e r’n’b’. Estará acompañada, o sábado 10 de agosto, de Lúa de Santana, a artista viguesa que mestura funk e soul coas melodías máis propias das súas raíces brasileiras.


Estes protagonistas poñen punto e final a unha programación que xa deu concertos noutros lugares emblemáticos como son o Faro de Corrubedo e o da Barca de Muxía, onde as actuacións remataron onte.
O acto de presentación no peirao contou coa participación do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e o director do festival, Óscar Faraldo.

 

Este último responsable da organización avanzou que se trata de “concertos de formato intimista en contornas singulares, o que os converte en eventos moi especiais, únicos”. As entradas, que son de balde, pódense obter dende este xoves ás 20.00 horas na web www.festivalmaraberto.com

O Festival Mar Aberto achega concertos ao castelo de San Felipe

Te puede interesar