O espectáculo “Ceibe” chega mañá, ás 20.00 horas, ao Pazo da Cultura de Narón co obxectivo de abrir debate entre o público sobre as cuestións que envolven o xénero. A función ven da man de Fran Sieira Compañía de Danza, que naceu como un paso máis na carreira do bailador.
Cal é a mensaxe que queres transmitir con esta peza?
Ceibe fala sobre como o xénero nos atravesa a todos como sociedade, dende que nacemos. Dependendo do sexo, nos impoñen un xénero, nos educan e nos fan saber como temos que movernos, expresarnos ou actuar. Condiciona nosa maneira de ser. Entón, dende o noso movemento, co baile tradicional, cuestionamos esa rixidez dos corpos encorsetados. Buscamos sacar capas para liberarnos deses estereotipos que nos condicionan e atopar, dun xeito máis ceibe, un movemento máis amable co corpo ou máis natural, quizáis. É un cuestionamento social e tamén unha homenaxe a como interpretamos as foliadas hoxe en día, nas que os roles de xénero están moito máis diluidos. A xente xove abrazou a nosa cultura e a levou ao seu terreo, onde todo o mundo se pode sentir máis incluído e partícipe.
Que une a tradición co xénero?
Eu falaría sobre o baile tradicional, que é o que nos identifica como compañía. É un baile social que vai acorde coa sociedade do momento. Temos moita información recollida de como se interpretaba o baile solto a partir do que nos contaba a xente maior do que se vivía nos seus anos. Tamén somos conscientes de como foi evolucionando e nos cuestionamos se é bo conservar eses roles na tradición ou que pasa se os rompemos un pouco e nos vamos cara as marxes, para intentar facer unha danza máis inclusiva para todos. Ten que ver a tradición co xénero porque ao final é un baile moi social, é a maneira que tiñan para relacionarse. Para min ten todo en común.
Cales foron as inspiracións?
Comezaron por un pequeno proceso de investigación que fixemos desde a compañía para unha peza anterior a esta, onde abordamos dúas ou tres danzas do folclore galego onde o rol de xénero está claramente marcado. Intentamos cuestionar isto e escenificar que pasaría ao facer pasar por calquera tipo de corpo os xeitos específicos de moverse a muller e o home. Despois desta peza, dímonos conta que tocabamos un tema demasiado profundo e serio dunha forma un pouco superficial. Dímoslle unha volta, profundizamos máis no tema e nos rodeamos dunha equipa especializada, como coa codirección artística con Sergio R. Suárez, mestrado en xénero e temas LGTBIQ+. Ademais, tivemos un asesoramento con VACAburra, Gena Baamonde e Andrea Quintana, que nos axudaron a seguir un camiño seguro e contrastado.
Que diferencia as obras da compañía?
Penso que todas as pezas foron un salto, non para diante, senón cara un sitio distinto. A primeira era unha homenaxe aos soños, que ás veces se quedan aí e non nos atrevemos a perseguir. A segunda falaba sobre todo tipo de enfermidades de saúde mental, como unha loita contra o estigma, cunha estética ligada a este tipo de doenzas. Non hai un sello que identifique á compañía. Por exemplo é a primeira vez que xogamos con música electrónica. Ceibe ten unha estética completamente distinta, quizáis máis atrevida, moi vermella e visceral. Case á metade da peza bailan cunhas máscaras, que é moi complicado para os bailadores e bailadoras porque lles quita visión. É moi impactante para o público e ás veces incluso agobiante, pero diso se trata, de incomodar un pouco para despois relaxar. A corporidade tamén cambia e ademais, algo que non fixemos na compañía nunca, os últimos minutos da peza son unha total improvisación, completamente libre. Non podíamos facer un final doutro xeito con este título. É moi bonito ver Ceibe en días distintos, que nunca son iguais porque é unha peza viva.
Por que escolles este tipo de temáticas?
Porque me gustaría que algún día o sello da compañía sexa que facemos espectáculos transformadores. E léase isto como que o público unha vez que entra e ve a peza, sae removido. Non só ver un virtuosismo, que tamén é moi bonito. A gústame facer espectáculos que nos fagan pensar, rir e chorar, que o público pase por moitos estados de ánimo. Penso que é algo que lle da valor á peza. E gústame tratar temas que creo que son importantes, dentro das miñas vivencias. A todo o mundo creo que nos toca a saúde mental de cerca, na miña familia tocou bastante. E o xénero, no meu caso que dou clase de baile tradicional, atópaste con moitas sensibilidades. Notas, no meu caso incluso, que non acabas de encaixar neste sistema tan binario. É poñer un gran de area e que isto entre en debate, polo menos.
Despois de traer as pezas anteriores da compañía, por que querías volver a Narón con esta?
Penso que é un espazo único en Galicia, dos máis grandes que coñezo, cun escenario impoñente no que se traballa moi agusto e cun persoal de sala espectacular. Hai sitios nos que é unha marabilla traballar e claramente un deles é Narón. Quizáis somos unha compañía menos coñecida por alí pero queremos darnos visibilidade e sei que cando menos, a xente pasará un bo rato. Sempre digo que ogallá cando eu era neno vira algún tipo destes espectáculos inspiradores, e que os que o vexan se atrevan a estudar danza ou calquera outra arte do movemento, xa que hai moitas academias en Narón.