Hoxe cúmprese un ano do pasamento do sindicalista e activista ferrolán Rafael Pillado e a asociación Fuco Buxán organiza para o vindeiro xoves 29 un acto de homenaxe aberto a todas as persoas que queiran participar. Comezará ás sete e nel colaboran, ademais da asociación de veciños do Ensanche A-O Inferniño, o Comité Cidadán de Emerxencia e Agavida, dúas das entidades nas que máis se implicou nos últimos vinte anos de traxectoria pública.
“Non queremos que sexa un funeral, senón un acto alegre, unha reunión de amigos e amigas que lembren con felicidade o tempo compartido con el”, explicaba onte Víctor García Novás, que subliñou o carácter aberto da homenaxe.
Ademais de música e poesía, durante a homenaxe intervirán familiares e persoas que partillaron proxectos e iniciativas con Pillado ao longo da súa vida e, ademais, proxectaranse diferentes fragmentos de vídeos recuperados e dixitalizados para a ocasión, gravados entre finais dos anos 70 e comezos dos 80. Un deles é inédito. Trátase dun corte de catro minutos coa intervención do propio Pillado no mitin que tivo lugar na primavera de 1977, pouco despois –foi na Semana Santa dese ano– da legalización do Partido Comunista de España. Tivo lugar no desaparecido estadio Manuel Rivera, no mesmo espacio no que terá lugar o tributo, e foi o primeiro acto da formación que lideraba Santiago Carrillo en Galicia. Hai ademais outro vídeo duns meses despois, nesta ocasión en Santiago.
Imaxes dunha das manifestación “pola reindustrialización de Ferrolterra” uns anos despois ou unha das derradeiras gravacións que fixo, no local de Fuco Buxán uns meses antes dos actos de 50ª aniversario dos sucesos do 10 de marzo, tamén poderán verse o xoves 29 no Carvalho Calero.
Desde Fuco Buxán anímase á cidadanía a participar nesta homenaxe coa que “manter o seu legado e compromiso persoal como estímulo de progreso”.