La Fuga, Cranio e NoRem actuarán no Festival Rock Narón o día 23

Coincide coa xornada solidaria que organiza pola tarde o motoclub Fojeteiros na praza de Galicia
La Fuga, Cranio e NoRem actuarán no Festival Rock Narón o día 23
Un momento da presentación que tivo lugar este luns I Concello de Narón

A banda de heavy metal ferrolá Cranio encargarase de abrir –22.00 horas– unha nova edición do Festival Rock Narón que se celebrará o sábado 23 na praza de Galicia, o mesmo lugar que acollerá durante toda a tarde a décimo terceira edición da Xornada Moteira Solidaria que organizan o motoclub Fojeteiros e o Concello. O grupo cántabro La Fuga e NoRem (Noites de Roche e Meigas) completarán o cartel dun evento que, segundo anunciou onte na presentación a edil de Festas, Mar Gómez, se desenvolverá baixo carpa por se o tempo non acompaña. Os concertos son de balde.


O festival porá o punto final a unha xornada solidaria que principiará ás 16.30 horas na contorna da praza do Concello. Esta cita atrae cada ano a centos de persoas vencelladas cos Fojeteiros e con entidades irmás. O percorrido que seguirán inclúe o paso pola Ponte das Cabras e treitos das estradas da Gándara e Castela, Camiños da Veiga e Cornido, avenida Conde de Fenosa e outras zonas das parroquias de San Xiao e Xuvia, desde onde volverán cara á praza de Galicia contra as 17.15, aproximadamente. Os vogais dos Fojeteiros Paco e Vanesa Galaso e Fran Paredes avanzaron que alí mesmo haberá chocolatada acompañada das actuacións da charanga Alxibeira e O Aghrú das Pepas. 


Na praza habilitarase un espazo no que se poderá doar roupa, xoguetes e alimentos non perecedoiros que se entregarán no Centro de Recursos Solidarios de Narón. Paralelamente, engadiron, estase a levar a cabo unha campaña solidaria con diferentes establecementos do municipio, debidamente sinalizados, onde a cidadanía tamén pode facer as súas doazóns. 

La Fuga, Cranio e NoRem actuarán no Festival Rock Narón o día 23

Te puede interesar