Os premios de investigación convocados polo Concello de Ferrol e pola Universidade da Coruña entregaranse o venres 2 de febreiro no Torrente Ballester. Antes, os galardoados darán unhas conferencias a través das cales se poderá coñecer mellor o seu traballo.
A primeira delas será o xoves 1, ás cinco da tarde, e corresponderalle ao profesor do departamento de Economía da UDC Bruno Casal, premio Concepción Arenal no ámbito das Ciencias Xurídicas e Sociais. A súa intervención titúlase como o seu traballo premiado, “El coste social de la soledad no deseada en España”.
Ás 18.30 horas tomará o relevo o premio Enxeñeiro Comerma no ámbito das Artes e as Humanidades. Neste caso hai dúas premiadas. Falarán Alba Rodríguez, licenciada en Tradución e Interpretación, con “A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas a través de Ruth Matilda Anderson”; e Yolanda Barriocanal, doutora en Historia da Arte, por “Las reformas arquitectónicas en los monasterios del císter de Galicia, tras su ingreso en la congregación de Castilla por el maestro Juan de Cerecedo ‘El Viejo’ y los aparejadores de su círculo”.
O propio venres 2, ás doce do mediodía, poderase escoitar aos gañadores do premio Antonio Usero no ámbito de ciencias da saúde. Son Pedro Medina, catedrático na Universidade de Granada do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, autor de “Los micro arns como actores en el desarrollo tumoral”; e Pablo Prego, doutor en Ciencias Forenses pola Universidade de Alcalá, con “Salud pública y vigilancia epidemiológica de la violencia sexual facilitada por drogas en contextos de fiesta juvenil”.