Os grupos ecoloxistas desaproban o plan para as Fragas do Eume

Os grupos ecoloxistas desaproban o plan para as Fragas do Eume
Vista do encoro do Eume desde o concello da Capela, dentro do parque natural das Fragas do Eume

A Xunta está a tramitar a principal ferramenta de xestión das Fragas do Eume, o PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión). Cómpre subliñar que este documento, obrigatorio por lei para cada espazo protexido, “debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque, isto é, en 1999, polo tanto, o plano chega vinte anos tarde”, lamentan nun comunicado desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e outras agrupacións como a SGHN, Adega, Grupo Naturalista Hábitat, Grupo Lobo, Asociación Bétula e Rebinxe.
 

Esta “escandalosa demora da Xunta por dotar de ferramentas de xestión a este emblemático espazo non é casual, responde a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados”, aseguran ao tempo que engaden que no caso do parque natural das Fragas do Eume, “a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios, os parques eólicos, entre outros, foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta”. Así pois, sosteñen os colectivos que arestora as Fragas do Eume “pode considerarse o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica”.
 

Cinco anos sen xuntanzas

Así mesmo, explican que a actual proposta de PRUX, que vén de iniciar a súa exposición pública, foi recentemente presentada á Xunta Reitora do Parque Natural este pasado 15 de novembro. Na convocatoria, adxuntábase, para a súa aprobación, a acta da anterior reunión deste organismo, celebrada en novembro de 2017, “cinco anos sen unha soa xuntanza da Xunta Reitora do parque, e polo medio, incendios, verteduras de Endesa, varios parques eólicos na contorna (recentemente autorizados pola Xunta), e unha continua expansión do eucalipto. Velaí outra clara proba do desleixo da Xunta pola conservación deste espazo senlleiro”, lamentan.
 

Polo que atinxe aos contidos, as entidades ecoloxistas asinantes sosteñen que “esta proposta de PRUX defrauda novamente e fica moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas. A zonificación é manifestamente pouco ambiciosa, establecendo só un 3,34% da área total como zona de reserva, a de maior protección”. 
 

Explican ademais que no resto de zonas (uso limitado, uso compatíble e uso xeral) permítense, a discreción da Xunta, case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección”, aseveran.
 

Sosteñen que a proba máis evidente “da responsabilidade da Xunta na deterioración do parque é o tratamento das plantacións de eucalipto no PRUX”. Así, explican que no apartado de Directrices “fálase de promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivadas con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume mediante o Decreto 11/1996, do 2 de maio”. Por todo isto os ecoloxistas pregúntanse que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997, xa que ao seu entender estas “son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico, polo que As Fragas foron declaradas parque natural”.
 

Tamén e a respeito do eucalipto, no apartado de Usos prohibidos faise referencia á presencia nos 15 metros das ribeiras, de pinos, acacias ou eucaliptos en cursos de auga de a lo menos 2 metros de ancho. “Estes 15 metros a cursos fluviais nos que se prohibe o eucalipto xa foi establecido hai 10 anos na Lei 7/2012 de Montes, e é de aplicación xeral en todo o territorio”, apuntan ao tempo que sosteñen que “un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas”.
 

Tamén chama a atención dos ecoloxistas galegos que “no PRUX non haxa sequera unha medida relativa ao encoro da Capela. Unha infraestrutura que representa unha infranqueábel barreira ecolóxica e que a concesionaria manexa como unha billa particular, orixinando periodicamente graves verteduras, contaminación de traídas e mortandades piscícolas no Eume”.
 

Tamén sosteñen que no capítulo de investimentos, a Xunta prevé adicar tan só 2 millóns de euros en 10 anos, “dos que para medidas de conservación irán 540.000, isto é apenas 54.000 euros por ano, cifra manifestamente insuficiente para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade”. E subliñan que tampouco “hai orzamento consignado para a merca de terras, considerando que o 80% do parque está en mans privadas, nen para medidas compensatorias e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes”.
 

Así, sosteñen que con este PRUX a Xunta “renuncia a conservar os valores naturais das Fragas e garantir o seu futuro”.

Os grupos ecoloxistas desaproban o plan para as Fragas do Eume

Te puede interesar