O centro cívico de Canido acolle hoxe, ás 19.00 horas, a palestra do arquitecto e doutor en rexeneración urbana Iago Lestegás. O tema, os retos da xentrificación, un fenómeno que está impactado en moitas cidades.
Cal é o enfoque da charla?
Falarei de en que consiste o fenómeno da xentrificación como proceso urbano que se dá en moitas cidades do mundo con diferentes manifestacións. Explicaremos a orixe do termo, os casos que coñezo (Lisboa ou Compostela) e outros exemplos coa intención de darlle á xente ferramentas para que poida identificar este tipo de procesos –que poden ser moi prexudiciais para as comunidades– no momento en que comezan a producirse.
Cales son eses sinais que indican que o proceso está en marcha?
Hai un que é moi doado de identificar, que é a transformación do comercio. É moi visible, un rasgo moi típico da xentrificación, que é a desaparición de certos comercios tradicionais, moitas veces de alimentación –os ultramarinos– e a súa substitución por outro tipo de tendas que están destinadas a outro tipo de poboación con maior poder adquisitivo ou a turistas: comezan aparecer tendas gourmet ou delicatessen; consignas automáticas, mesmo hai quen fala tamén das lavandarías. Hai países, coma o noso, nos que é habitual que os pisos teñan lavadora e a aparición deste tipo de negocios está moi relacionada cos pisos turísticos ou albergues, aínda que, ollo!, iso non quita que sexan útiles para os propios veciños. En todo caso, si se dá na xentrificación un certo patrón de modificación de comercio que pode ser un indicio dese proceso, malia que parte desa desaparición do comercio pode estar relacionada con outros fenómenos (internet, centros comerciais, grandes cadeas).
Hai máis síntomas?
Tamén é un indicio o aumento dos prezos, tanto da compravenda como do alugueiro. A xentrificación intervén en varios ámbitos, como o residencial, o comercial e moitas veces tamén o espazo público porque en ocasións son as administracións públicas actúan como avanzada deste proceso con actuacións de preurbanización e mellora de espazos públicos que son moi necesarias e positivas pero que ás veces, en ausencia de políticas que protexan as comunidades desas zonas, fan que eses lugares sexan máis atractivos. Coñecemos reurbanizacións de rúas que acabaron expulsando as persoas que vivían alí porque os prezos das vivendas subiron moito.
A turistificación é a variante que máis nos ten que preocupar porque a comunidade desaparece por completo
Este fenómeno pode afectar a cidades pequenas como Ferrol, co seu devalo demográfico?
Posiblemente non afecte a todas as cidades e, de feito, o caso de Ferrol é particular porque no noso contexto sería unha “srinking cities”, cidades que encollen pola perda de poboación. Un exemplo é Detroit. En todo caso, a xentrificación pode producirse en calquera barrio, sobre todo naqueles que teñen un elemento atractivo que pode ser patrimonial ou de localización, como o centro das cidades...
E cal é a orixe deste fenómeno?
Empezouse a estudar no ámbito anglosaxón, Estados Unidos sobre todo, a partir dos anos 70 e 80, asociado co regreso dos fillos de clase media que no seu momento fuxiran cara as urbanizacións. Na posguerra produciuse un éxodo de familias de clase media branca que se instalan nestas urbanizacións que se levantan na periferia, coas autoestradas e todo este modelo estadounidense que despois aquí, lamentablemente, importamos. Pero pasado o tempo, os descendentes desas familias están aburridos de vivir nesa periferia, dependencia do coche e demais, e o que e queren é xusto o contrario: densidade, compactidade, comercio de proximidade, transporte público etc. É aí cando soben os prezos das vivendas en zonas que durante moitos anos estiveran degradadas e mesmo estigmatizadas. Con todo, si é certo que no sur de Europa e dos lugares con gran atractivo patrimonial e cultural, ou climático, o fenómeno é un pouco distinto: a turistificación ou xentrificación turística, que normalmente non é que unha comunidade de baixos recursos sexa substituída por outra de maiores, senón que a comunidade, heteroxénea, é substituída por visitantes que pasan unha ou dúas noites no barrio. Para min, esta variante é a que máis nos ten que preocupar porque a comunidade desaparece por completo.