Un equipo de estudantes do IES Canido representará a Ferrol na final do Club de Debate que o vindeiro 3 de xuño terá lugar en Bertamiráns, no municipio de Ames. Así será despois de que o grupo acadase este luns a clasificación na fase celebrada en Teo, na que, por parte do municipio ferrolán, tomou tamén parte outro equipo do mesmo centro e un grupo do IES Saturnino Montojo.
Na cita do vindeiro xuño, o IES Canido medirase con outras cinco formacións dos IES Xulián Magariños (Negreira), Terra de Xallas (Santa Comba), Milladoiro e Ames así como do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro). O equipo vencedor poderá gozar dunha viaxe educativa.
Tralo parón pola pandemia, a iniciativa, na que este ano se implicaron unha decena de concellos, retomou así a actividade para seguir contribuíndo a favorecer o uso do galego oral en contextos formais, a través dos propios debates, e informais, na convivencia que se establece entre os mozos e mozas participantes.
Na fase clasificatoria, os competidores tiveron que defender as posicións a favor ou en contra sobre a idea “Somos menos sociais coas redes sociais”.
O Club de Debate permite á xuventude poñer en práctica as súas habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións.