Iria Aldegunde: "A historia de `Memorias dun neno labrego´é universal"

A compostelá ilustra en Galaxia o best seller da literatura galega
Iria Aldegunde: "A historia de `Memorias dun neno labrego´é universal"
Iria Aldegunde formouse como debuxante no Garaxe Hermético de Pontevedra I Cedida

A ilustradora Iria Aldegunde –Santiago de Compostela, 2000– é a autora da adaptación ao cómic do “best seller” da literatura galega, “Memorias dun neno labrego”, que a finais de mes publicará Galaxia. O reto era maiúsculo, mais para esta debuxante graduada en Filoloxía Inglesa, con formación na escola O Garaxe Hermético, facer a novela gráfica era unha débeda con ela mesma “polo amor que lle teño ao libro”.

 

A idea de facer unha novela gráfica co gran libro da literatura galega –o máis vendido– foi súa? Foi vostede quen llo propuxo á editorial?
Si. Levaba moito tempo pensando nisto, pero non houbo un momento no que dixera que sería unha boa idea adaptar o libro ao cómic. É un título moi especial para min que xa lera moitas veces antes. Mesmo chegara a coñecer a Neira Vilas e á súa muller na súa casa. Non é mitomanía pola miña parte, pero ás veces si notas cando estás diante dunha persoa especial. Cando o coñecín só tiña 11 anos, pero noteino. Alumear este proxecto deume moita vertixe, e aínda a teño, pero foi unha pulsión polo amor que lle teño a este libro. Coido ademais que era moi necesario adaptalo, debido a este salto xeracional que se ten producido, tanto polo avance tecnolóxico no mundo agrario como no resto da sociedade: agora a xente non serve, aínda que haxa outros tipos de servidume. Neira Vilas dicía que nunca comprendera por que este libro se lle dera a ler aos nenos e eu creo que moita da literatura adulta, ou arte en xeral, pode ser tamén para nenos. Os nenos non son tontos, aínda que haxa pasaxes da historia que só comprendes de verdade cando chegas á realidade adulta.

 

Como foi o proceso? 
Fixen un guion e unhas poucas páxinas. A primeira parte que debuxei foi a do muíño porque me parecía unha boa proba do que eu era capaz de facer. Presenteilla a Francisco Castro a finais de 2021. Nesa entrevista estaba moi nerviosa, saín cun mareo horrible (ri) e dixéronme que lles parecía unha boa proposta e que o consultarían coa familia, aínda que os dereitos eran da editorial, polo que se dixeran que non, non podería facerse. Pero todo foi ben e aquí estamos. Quero subliñar o meu agradecemento ao profesorado e compañeiros do Garaxe Hermético porque me axudaron moito neste percorrido.Esta novela gráfica non estaría aquí sen a axuda de moitas persoas.

 

Adaptar este libro á banda deseñada supúxolle un cambio de estilo?
Utilicei tanto o método como o estilo no que estaba máis cómoda. Puliuse moito, desde logo, pero non fixen un cambio radical de estilo porque me parecía que se axeitaba bastante ao que eu quería. Os primeiros deseños si que eran máis realistas, non o meu estilo habitual, porque cría que unha historia que é da época do cinema neorrealista italiano precisaría dun debuxo semirrealista, pero logo decidín optar polo que a min me saía máis natural e que pode atraer máis o ollo dun cativo, que é ao cabo o “target” desta adaptación. Para min foi un proceso moi natural, con moito cariño, collendo moitas referencias, lendo moitos libros, visitando moitos museos, preguntándolles aos meus avós paternos, que tamén foran labregos...

 

Vén de saír en banda deseñada “A nosa cinza”, de Xavier Alcalá, e Manel Cráneo aseguraba que tivera sorte de poder compartir esa viaxe creativa co propio autor da novela. No seu caso, como foi a resposta da editorial e da familia?
Polo de agora tiven o “feedback” da editorial e gustaríame nalgún momento poder contactar coa sobriña, que está na casa-museo, porque a fun ver unha vez, sen dicirlle que tiña este proxecto na cabeza porque daquela aínda non llo presentara a Galaxia, e debín de ser, como dicía o Padre Feijóo, unha preguntona incansable. Pregunteille de todo!

 

Que aspectos destacaría que achega esta adaptación en relación coa novela?
Coido que o detalle e a contorna. Se xa se leu a novela, a historia xa a sabe, pero hai moito vocabulario que quedou atrás. Quixen poñerlle moita atención á parte non descritiva do libro, á decoración, ao atrezzo, por dicilo así. Por exemplo, a mestra, dise na novela, vive nunha casa moi chusca, coas paredes caleadas. Eu tiven que cavilar moito como pensaría o autor que era unha casa moi chusca, e imaxinei unha casa pequeniña, bonita, ordenada... Púxenlle un pouco de cor porque pensei que lle daría un plus ao personaxe e ás escenas, un pouco de romanticismo a esta figura anxelical que é a profesora...  

 

Non quero parecer mitómana, pero ás veces unha sabe cando está diante dunha persoa especial

 

Houbo algunha parte que lle resultara especialmente complicada?
É curioso, pero o capítulo que sería o climático, o da pedrada, foi dos que máis claro tiven desde o principio, case non cambiou o deseño, porque tiña a escena mental moi gravada na memoria. As máis difíciles se cadra diría que foron pasaxes máis cotiás, sobre todo por evitar repeticións de planos e facelas algo máis dinámicas... “Memorias dun neno labrego” é un libro de moita reflexión interior e para non facer personaxes que estivesen falando ao aire todo o tempo ou entre si, necesitaba diferentes perspectivas ou centrarme en accións cotiás.

 

A historia de Balbino ten dúas partes máis. Pensa darlle continuidade?
O certo é que nunca pensei en facer as outras dúas partes porque sempre me gustou a historia con este peche, co peche desta primeira parte. Non descartaría esa posibilidade, pero agora mesmo estou bastante segura de que esta sería a única porque é moi especial para min.

 

Como convencería ás persoas que non leron “Memorias...” de que lean a novela e tamén o cómic?
Sorprendeume que falando con xente máis ou menos da miña idade houbera moitas persoas que non leran a novela, e isto foi tamén algo que me moveu a facer a adaptación. Creo que para ter unha vida completa, o mellor é beber de todo tipo de experiencias e puntos de vista, e esta que narra Neira Vilas é unha parte moi importante da nosa historia, e fíxoo cunha escrita fluída, fermosísima, cun feixe enorme de vocabulario que, malia que fala dun tempo e dun lugar que semellan tan afastados, trata temas universais. É literatura universal: trata a morte, o amor, a perda, a soidade... No que respecta á novela gráfica, diríalles que se queren unha visión do mundo daqueles anos 40 no que viviu Balbino, coido que é unha boa opción. Presteille moita atención á contorna porque neste libro é como un personaxe máis. 

Iria Aldegunde: "A historia de `Memorias dun neno labrego´é universal"

Te puede interesar