A nova versión de “As damas de Ferrol”, unha obra escrita por Eduardo Alonso para Teatro do Noroeste hai máis de vinte anos, está en capela, á espera da estrea no Jofre, o venres ás 20.30 horas –o sábado haberá outro pase–, cando o público poderá ver a revisión da directora Clara Gayo.
A compañía ultima os detalles desta traxicomedia negra protagonizada por dúas mulleres ferrolás, Maruxa e Lourdes, encarnadas por Mónica Camaño e Casilda Alfaro e representantes dunha “clase media-alta” vida a menos. Carlos Alonso encárgase da escenografía e do vestiario e Chefa Alonso, da música, un jazz creado para a ocasión.
Ademais de representantes da compañía, acudiron este mércores ao adianto en representación do Concello Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do teatro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, que lembrou que “As damas de Ferrol” é un dos 29 proxectos que este ano obtiveron o apoio da axencia. Ademais, parabenizouse, como fixera antes Agulló, da decisión de Ferrol de volver acoller estreas teatrais como a que presenta Teatro do Noroeste. “É algo que celebramos”, dixo, “porque a verdade é que o espazo o merece: é un dos teatros máis bonitos de Galicia”.
A responsable de produción da compañía, Eva Alonso, sinalou que “nos pareceu moi interesante revisitar a obra, actualizala e darlle unha nova ollada, desde o punto de vista da muller”, dixo, e aí é onde aparece a visión de Clara Gayo.
“Para min”, sinalou a directora, “foi unha oportunidade moi gratificante facer este traballo porque era a primeira vez que me enfrontaba á adaptación dun texto xa escrito, cos retos que iso conleva: manter a esencia dándolle a miña ollada”. Esa visión permitiu “traer as protagonistas do pasado ao presente e tamén buscarlles puntos de encontro”. “Estou supercontenta de como fun tratada, de como fun considerada artisticamente, do respecto que se me tivo”, engadiu, aínda que non ocultou os nervios previos á estrea dunha obra na que a cidade, subliñou, “é un personaxe máis”. “Estou sen durmir”, confesou entre risos.
Eduardo Alonso, autor do texto orixinal, deulle a beizón á nova versión da obra que poderá verse o venres e o sábado. “Gústame moito, e gústame moitísimo o traballo das actrices –Mónica Camaño e Casilda Alfaro–: un deseño das personaxes moi elaborado e meticuloso, establecendo entre elas unha relación moi especial. Diría que sosteñen absolutamente o espectáculo”. Tivo ocasión Alonso de lembrar o seu accidentado debut –a censura– no “seu” teatro, o Jofre, o 15 de marzo de 1968, como protagonista cunha adaptación de Teatro Estudio, dirixido por Alfredo Oset, de “Nuestro pueblo”, de Thornton Wilder, antes de volver loubar o traballo de Camaño e Alfaro.
Casilda Alfaro: “É unha delicia poder traballar coa miña compañeira”
Foron elas quen tomaron a palabra para coincidir en destacar “a beleza” do teatro ferrolán e o orgullo que teñen de poder formar parte deste proxecto dunha das compañías máis senlleiras do país. “É un gozo este teatro e entrar na familia de Teatro do Noroeste”, dixo Camaño, “é gustosísimo vivir a experiencia nun teatro de verdade coma este”, asegurou. “Para min”, engadiu Alfaro, “é unha delicia volver pisar este teatro e traballar coa miña compañeira de reparto”.