O candidato de Ferrol en Común e ex alcalde, Jorge Suárez, apelou á responsabilidade nun momento “clave” para o desenvolvemento social e económico da cidade. O seu grupo fará “unha oposición construtiva” desde os seus postulados ideolóxicos, nun camiño de loita “polos dereitos sociais, por un mundo máis igual, máis xusto, máis sostible e máis feminista”.
Foi Suárez o único que puxo un punto de humor nas intervencións, ao dubidar sobre cal sería o resultado da votación, e ademais deulle a benvida á súa nova compañeira de grupo, Nerea P. Carballeira, e a todos os concelleiros e concelleiras novos. “Será unha etapa ilusionante das vosas vidas”.
Enumerou asuntos pendentes (infraestruturas, dique cuberto, atención a maiores e nenos, recuperación de poboación) e chamou á unidade para acadar estes obxectivos. “Se nos mantemos unidos e fortes ante outras administracións, seremos quen de conseguilos”.