O venres pasado a Real Academia Galega recollía unha curiosa doazón. Trátase da primeira tradución ao galego de “Quixote” e outras obras da historia da literatura mundial como a “Odisea” de Homero; “Hamlet”, de Shakespeare, “Lazarillo de Tormes” ou lendas irlandesas, entre outras.
O curioso é que o autor das mesmas, foi o xeneral ferrolán Juan Beceiro Amado (1903-1990), un militar que fixo a guerra no bando de Franco e que tras a súa xubilación nos anos 70 ocupou o seu tempo no traballo de tradución e de dotar ao galego de obras clásicas da historia da literatura como as citadas.
O motor desta doazón foi o artista ferrolán, Siro López, que coñecía a curiosa historia de Beceiro a través de amigos e familiares. Foi el quen contactou en Madrid con Juan Luis Beceiro, fillo do ferrolán, quen doou encantado os traballos do seu pai e contou que un irmán seu ten polo menos outra tradución do “Buscón” de Quevedo feita polo seu pai, a quen de seguro se descoñecían amizades galeguistas.
Segundo destacou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, trátase da primeira tradución destas obras coas que conta o noso idioma. E engadiu: “Ademais destas verdadeiras xoias, en vindeiras datas Juan Luís Beceiro hanos enviar tamén outra obra manuscrita de seu pai titulada Comentos, follas dun vocabulario galego-castelán, que está lonxe de ser unha dicionario ao uso, xa que moitas das entradas están ilustradas con exemplos tirados da paremioloxía popular e, nalgúns casos, mesmo con relatos da súa invención”. n