Juan Renales: "O labor de Vicetto non se situaba no terreo da ciencia, senón da ideoloxía”

O investigador falará este martes no Hospicio
Juan Renales: "O labor de Vicetto non se situaba no terreo da ciencia, senón da ideoloxía”
Renales estará este martes en Ferrol I Cedida

Juan Renales é, con Esperanza Piñeiro, o protagonista da terceira xornada (este martes ás 19.30 horas) que as asociacións Medulio e Ferrolterra Antiga están a desenvolver no Hospicio con motivo do bicentenario do nacemento de Benito Vicetto.

 

En que se centrará mañá? 
Unha parte será sobre Vicetto como personaxe de si mesmo, como se retrataba el, como pintaba nas súas novelas non ao Vicetto real, senón ao Vicetto que quería que os demais visen, a imaxe que pretendía proxectar, que era a imaxe dun home romántico, idealista, patriota, desde logo, e xeneroso, pero, á vez, hai unha idea que subxaze dun Vicetto quizais como tería querido ser: triunfador, un tanto cínico. E eses dous personaxes están sempre en pugna nas súas novelas. Os dous son cara e cruz do mesmo Vicetto.

A súa personalidade e a relación cos seus contemporáneos foi determinante para que se proxectase unha imaxe deformada del? 
Sen dúbida. Vicetto foi un home vehemente que non sempre mantivo boas relacións con algunhas persoas moi sinaladas, en particular con Murguía, co que tivo unha grande amizade que logo se converteu nunha rivalidade tremenda. E como Vicetto viviu pouco e Murguía viviu moito, prevaleceu –Murguía era moi influínte– a imaxe que deu en “Los precursores”. Ademais, Vicetto, durante a maior parte da súa vida estivo vagando por distintos destinos e iso impediulle establecer relacións duradeiras nos círculos literarios. Estivo illado.

 

Por que rompeu esa relación entre ámbolos dous?
Non o sei con exactitude. Nos últimos anos 50 –1857-1858– todavía mantiñan esa amizade, como se ve nas cartas que lle dirixe a Murguía, e en 1860-1861 xa non existe. Vicetto deplora que xa non exista e escríbelle reiteradamente pedíndolle que reanuden esa relación, algo que recoñece Murguía en “Los precursores”. O que di Murguía é que Vicetto quedou defraudado ao ver o aspecto de Murguía, co seu pequeño tamaño... Segundo este, non correspondía á imaxe que precisaba Vicetto dun compañeiro na loita pola independencia de Galicia, porque naquela altura se trataba da independencia. Despois mudaron de idea, un e outro, pero naquel momento era así. Pero tamén había outros motivos, máis materiais, como a rivalidade na escritura da “Historia de Galicia”. Os dous puxéronse á obra ao mesmo tempo e iso, á parte do prestixio, conlevaba tamén unhas consecuencias económicas, porque tanto o un coma o outro aspiraban a que as deputacións lles subvencionasen a obra, e supoño que estas non estaría dispostas a subvencionar dúas Historias de Galicia á vez. E ambos estaban necesitados de diñeiro. Hai unha rivalidade en canto ás visións moi distintas da historiografía que tiñan un e outro e sospeito que tamén había unha diferenza importante a respecto da idea que se facían sobre o movemento galeguista. Coido que Murguía era un político posibilista e máis flexible, mentres que naquela época Vicetto seguía apegado á vella idea provincialista da independencia. Esa suma de factores coido que os abocaba á ruptura.  

 

A que se debe que o mundo académico pase de puntas sobre a figura de Vicetto? 
A obra de Murguía deu froito, tivo unha secuencia: del pásase ao rexionalismo, e logo ás Irmandades da Fala... Sempre quedou dentro dunha cadea ininterrompida que chega até a actualidade; en cambio, Vicetto quedou illado. A Vicetto, os historiadores actuais non o poden ter en conta porque o miran con criterios actuais, pero Vicetto non facía unha historia como a entendemos hoxe; non é que non lle saíra, é que non pretendía facer iso. Quería facer unha mitoloxía histórica. E isto recoñéceo Murguía cando di que Vicetto inventou a Galicia que eles necesitaban. O labor de Vicetto non se situaba no terreo da ciencia, senón da ideoloxía, e iso pretendía. É certo que Vicetto quedou esquecido dunha maneira moi inxusta, non tanto polo valor da súa obra, senón pola súa función inspiradora na literatura –hai ecos de Vicetto en Pardo Bazán, en Valle-Inclán, en Otero Pedrayo...–, unha influencia enorme que non se recoñece en parte porque ninguén le a Vicetto hoxe en día, aínda que se queira, porque case non hai edicións modernas. E creo ademais que esa mesma influencia existe no ideolóxico e político: moita simboloxía, da mitoloxía, do nacionalismo galego dos anos 20 e 30 do século XX procede de Vicetto. 

Juan Renales: "O labor de Vicetto non se situaba no terreo da ciencia, senón da ideoloxía”

Te puede interesar