A cuarta edición do Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade convocado pola Deputación da Coruña deu a coñecer onte as dez propostas galardoadas, que recibirán axudas de entre 3.700 e 12.500 euros. Entre elas figura a obra “Que din as rumorosas”, unha peza da compañía Maquinarias Teatro, da ferrolá Helga Méndez, á que outorgarán 8.500 euros. A peza comezou a súa andaina da man dunha campaña de micromecenado que axiña acadaría o respaldo necesario para levalo á práctica.
Trátase dunha comedia de creación colectiva na que cinco actrices –a propia Helga, Carmen Cotelo, Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín e Marian Rei– e unha bailarina –Caterina Barro– sobreviven titanicamente “ao día a día de ser muller... e artista”. Cada unha delas rescatará da memoria, a través das súas interpretacións, a outras tantas artistas galegas “que navegaron antes que nós, abrindo novos camiños”. Son María Balteira (soldadeira); A Bella Otero (cantante e bailarina); Mercedes Mariño (cantante e actriz); Eugenia Osterberger (pianista, compositora e directora); Maruja Mallo (pintora); e Maruxa Villanueva (cantante e actriz).
A todas elas únense como parte do equipo artístico Andrés Pazos (espazos sonoros e músicas) e a autora fenesa Paula Carballeira, encargada da dirección. Catu Martínez e Carmen Pardo asumen as tarefas de vídeo e fotografía, respectivamente, para a distribución do espectáculo, cuxa estrea terá lugar o vindeiro 23 de marzo no teatro Jofre.
Un dos obxectivos do equipo das “rumorosas” con este proxecto “é tecer redes para contribuír a reescribir a Historia da Arte Galega, visibilizando e poñendo en valor a mulleres artistas galegas de todos os tempos”, tal e como indican no propio dossier da peza.
Deste xeito, Maquinarias Teatro propón tamén a elaboración dunha unidade didáctica centrada nas figuras das seis artistas á que as actrices dan vida nesta comedia coral, enfocada principalmente a centros de ensino de Secundaria, Bacharelato e FP. A posta en marcha dun blog colaborativo, no que calquera persoa interesada poderá sumarse a recuperar a memoria das mulleres artistas galegas de súa localidade ou a formulación de programacións específicas que poderían ser desenvolvidas desde as concellerías de Educación ou de Muller e Igualdade figuran tamén entre as opcións coas que nace este ambicioso proxecto.
“Neste cóctel de amor e humor”, como se refiren á obra, as seis intérpretes, a meirande parte da comarca e tamén da Coruña, polifacéticas todas elas, interpretarán, cantarán e bailarán para “falar da arte como camiño inevitable”. Nesta liña leva traballando desde a súa creación hai máis de vinte anos a compañía Maquinarias Teatro, de Helga Méndez, que non entende a arte sen compromiso e traballa desde a memoria colectiva “para poñer en valor a necesidade de escoita e dos afectos, e para observar con ollo crítico a sociedade que nos toca vivir”, sinalan desde o proxecto.
Un proxecto no que “todas nos embarcamos con ganas de dar guerra e de falar da situación das mulleres na arte con sentido... e sensibilidade: rumorosamente”, apuntan. En apenas dous meses, o público poderá gozar de todas estas, de seguro, interesantes conversas e segredos.